Publicado o

Inma López Silva adéntrase con ‘Clepsidras’ nos misteriosos lazos que nos unen

Clepsidras é o título do primeiro poemario de Inma López Silva, unha escritora que desenvolveu unha brillante carreira como narradora e que agora se adentra, por vez primeira, na poesía. Trátase dun libro apaixonante, tanto pola súa escrita como pola ousadía literaria da autora, que experimeta coa voz e cos recordos. Clepsidras, último Premio Eusebio Lorenzo Baleiron, preséntase este martes 17, Día das Letras Galegas, en Dodro, nun acto que terá lugar no CPI Lorenzo Baleirón ás 17,30 coa participación de Su Garrido.

De súpeto, Inma López Slva, unha das narradoras máis celebradas da literatura galega actual, sentiu a chamada da poesía e escribiu, practicamente como nun refol de inspiración, Clepsidras, libro que lle acabou valendo a última edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, convocado polo Concello de Dodro e considerado un dos máis prestixiosos do país. Tampouco é que López Silva estivera de costas á poesía. En absoluto. Desde nena –como ela mesma recoñeceu ao recoller o prenio– mantivera un estreito contacto con distintos poetas pero cría que ese xénero lle sería para sempre esquivo. Ata que os versos empezaron a manar sobre o papel e consigiu construír un libro tan sólido como persoal.

Este martes 17, a partir das 17,30 horas, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, o libro preséntase cun recital da autora, que estará acompañada pola cantante Su Garrido. O libro, que contou co apoio para a súa edición da Secretaría Xeral de Cultura, foi publicado por Chan da Pólvora dentro da colección ELBa, específica para o galardón.

En Clepsidras, asistimos en verso real á experiencia dunha escritora que se enfronta á experimentación literaria e, simultaneamente, á descuberta da memoria persoal. Moi poucas veces se dá a oportunidade de ler a unha autora tan exposta e tan consciente da súa exploración. Sobrecolle como se desdobra en filla, nai, esposa, amante, neta. Como se mergulla na profundiade emocional e combate a presión do poema cun sorriso nos labios. Clepsidras apreixa o tempo líquido –inapreixable– e as súas rimas cósmicas, que nos unen máis alá dos lazos de sangue. A súa intimidade desarma a calquera persoa que se achegue a este libro asombroso.