A libraría Wells de Cangas acolle este mércores 13 de xullo, a partir das oito e media da tarde, unha conversa arredor de Clepsidras, o libro de Inma López Silva que lle valeu a última edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro. A propia autora estará nesa conversa acompañada de Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora, selo que se encarga de publicar os libros galardoados en Dodro. Sentados arredor dun viño, ambos tratarán de aproximar o texto aos asistentes.
Clepsidras é o primeiro poemario de Inma López Silva, unha das narradoras máis celebradas da literatura galega actual, sentiu a chamada da poesía e escribiu, practicamente como nun refol de inspiración, Clepsidras, libro no que asistimos en verso real á experiencia dunha escritora que se enfronta á experimentación literaria e, simultaneamente, á descuberta da memoria personal. Moi poucas veces se dá a oportunidade de ler a unha autora tan exposta e tan consciente da súa exploración. Sobrecolle como se desdobra en filla, nai, esposa, amante, neta. Como se mergulla na profundiade emocional e combate a presión do poema cun sorriso nos labios. Clepsidras apreixa o tempo líquido –inapreixable– e as súas rimas cósmicas, que nos unen máis alá dos lazos de sangue. A súa intimidade desarma a calquera persoa que se achegue a este libro asombroso.