A autora á que este ano lle dedicamos en Chan da Pólvora o día do orgullo galego é Safo, a primeira poeta da lírica arcaica grega. O poema elixido foi Inmortal Afrodita, un dos poucos textos da autora que se conservan practicamente íntegros (só lle falta un anaco ao inicio do terceiro verso da quinta estrofa). Raúl Gómez Pato, que xa traballara anteriormente na súa poesía, foi o encargado de traducir este espléndido poema, que aparece na colección Rabo de Egua (o número oito) cun limiar realizado especialmente para a plaquette. Nacido en Ourense (1966), Gómez Pato é poeta, tradutor e director para Editorial Rinoceronte dunha colección de traducións de textos anteriores ao século XX. Entre os seus poemarios figura o máis recente, Sal, auga, vinagre (Medulia, 2019).
A colección Rabo de Egua é a única especializada en poesía lgtbi do estado español. Nela pódense atopar poemas de Federico García Lorca, Serafín Ferro, Brane Mocetic, Pau Vadell ou Sor Juana Inés de la Cruz.