Publicado o

Cita en Numax este venres 7 de novembro con Isolda Santiago, a escritora oculta

Houbo unha poeta nos anos noventa que cativou tanto a crítica como aos lectores, unha muller que traballaba de periodista en Lalín, que asinaba como Isolda Santiago e que nos ofreceu algúns dos versos máis memorables da década, con títulos inesquecibles como Flor de tan mal xardín. De súpeto, aquela muller de poemas escilantes despareceu e atrás deixou un ronsel de lenda que case trinta anos despois eclosiona de novo con Escrita oculta, poemario que permanecía inédito desde 1997 e que ela refunde con outro libro posterior -tamén inédito- nun volume apaixonante, conmovedor e irónico. O próximo sete de novembro -venres- preséntao a partir das 20 horas na libraría de Numax, en Compostela, xunto á periodista Carme Vidal.

Isolda Santiago, unha das autoras máis esvaradías e inclasificables da xeración dos noventa, rompe un silencio varias décadas e ofrécenos a súa Escrita oculta, volume onde reúne dous libros inéditos, Cando levante a brétema e Correspondencia. O primeiro valeulle en 1998 o Premio Avelina Valladares pero, por unha serie de atrancos administrativos, nunca saiu á luz. O feito alimentou ao seu arredor un halo de misterio que agora se esvae na explosión de humor e sabedoría literaria dos seus poemas. Correspondencia é coetáneo pero ten unha raíz máis biográfica: unhas cartas que intercambiou “nun inverno efervescente, de pura exaltación literaria”. Escrita oculta non só redimensiona a figura de Isolda Santiago na paisaxe literaria da súa época senón que lle revela á xente nova unha voz a ben seguro descoñecida. Ao mesmo tempo, o libro convértese no antecedente máis claro dos camiños abertos pola escrita das mulleres desde comezos do século XXI.

Isolda Santiago (Paxareiras, Mazaricos, 1960) é unha figura que atravesou os anos noventa da poesia galega cunha cárrega poderosa de rebelión e intelixencia. Deuse a coñecer en 1993 con Flor de tan mal xardín, que lle valeu o Premio Fermín Bouza Brey e que a converteu nada máis publicarse nunha referencia xeracional. Despois apareceu Berce de Estampas (1998) ou traballos en obras colectivas como Carpeta 8 e medio. Tamén deixou os seus versos na entrega Látex do suplemento Chineses do xornal Galicia Hoxe. A súa escrita pode rastrexarse en revistas como Festa da Palabra Silenciada. Levaba sen publicar un libro desde de Bestiario (1998).