Publicado o

López-Casanova renova a traza da lírica popular en ‘A canción da noite que levas no corazón’


Despois dun longo silencio, Arcadio López-Casanova recupera o seu alento poético por partida dobre, con Diario da Casa Grande e coa espléndida plaqueta A canción da Noite que levas no corazón, publicada por Chan da Pólvora dentro da colección Malaca de fóra. Os poemas, que se abren como unha das achegas máis orixinais na poesía de Arcadio López-Casanova,  contan cunha coda de Luís Cochón que esculca as raíces formais e de significados que o poeta de Lugo debroca no seu novo título.

A canción da noite que levas no corazón supón unha “crestomatía moi escolleita de cantigas de amor e de amigo, de refrán e mesmo de mestría”, subliña Luís Cochón. Este aspecto formal, porén, non debe confundirnos, xa que os seus poemas están cruzados polo tema marial e deben lerse como once pezas relixiosas onde só aparece o Neno (Salvador) e a súa nai (María), encadrados no marco do Portal. Deste xeito, A canción da noite que levas no corazón desenvolve unha “hímnica do amor” que dá vida, tema central que articula o sentido unitario nun libro escrito ao longo do tempo. A lírica popular e a tradición trobadoresca fúndense para ofrecer as texturas esenciais deste tipo de composicións: a musicalidade, a polifonía e a súa intensa liricidade.


Arcadio López-Casanova

Naceu en Lugo (1942) aínda que pasou a infancia nas terras do Páramo, ao coidado da avoa paterna. A súa voz é un alustro de condensación conceptual des que apareceu en 1961 o primeiro libro, censurado pola ditadura. Entre os títulos que publicou, figuran Liturxia do corpo (1975), Herdo do canto (2006) ou As voces da máscara (2014). O seu último título, que chegou ás librarías este mesmo ano, titúlase Diario da Casa grande.


A hímnica do amor como exige da obra

A canción da noite que levas no corazón naceu no ámbito familiar e amical das felicitacións festeiras, e, por máis, co desexo de Arcadio López-Casanova de achegar algo á tan rica tradición das panxoliñas galegas, ao seu xuízo “lamentablemente moi esmorecida”. López-Casanova opina que este xénero di moito “do poder creador do noso pobo e dos nosos poetas”.

Aínda que os poemas da plaquette recollen un traballo discontinuo no tempo ao longo de moitos anos, aínda que cada unha razón ou sentido unitarios. E acada ese sentido porque, engade o autor, “é unha canción que desenvolve a hímnica do amor que dá vida, coa protagonización da Nai e mailo Neno, e dunha vida que, no seu espertar, faise choro de desvalemento, necesitado do agarimo e o amparo maternal”.

Pola súa presenza formal, con estas composicións tentou “anovar e combinar trazos da lírica popular e da tradición trobadoresca, do cantar” e da cantiga, e sobre de todo coa procura de tres elementos para min esenciais neste caso: a musicalidade da composición, a súa polifonía e acorde de voces, e a súa intensa liricidade”. A hímnica do amor é precisamente un eixe que, con varias perspectivas, recorre todo o conxunto da obra de López-Casanova, sexa o amor salvador ou redentor (o da amada doadora), sexa o amor á procura da transcendencia, ou sexa esta hímnica da maternidade que pode estar emblematizada polo Nadal. Máis en concreto, o libro que agora aparece en Chan da Pólvora Editora enlazaría moi directamente co seu poemario Noite do degaro.