Publicado o

Lorena Souto ponlle palabras ao código da identidade rural en ‘Exuvia e saliva’

“Préstome / a rabuñar nesa pel ávida / deixala marcada de saberes estraños”, escribe Lorena Souto en Exuvia e saliva, o poderoso poemario que acaba de publicar en Chan da Pólvora e que o próximo martes 16 de decembro presentará na libraría Couceiro de Compostela, a partir das 19,30 horas, xunto a Alba Cid. A autora penetra co seu  corpo enteiro na terra para ofrecernos o revelador percorrido dunha escrita enxertada á materialidade da linguaxe. Poesía en estado de acción, capaz de poñerlle palabras aos códigos da identidade rural.

Exuvia e saliva é o libro que confirma a enérxica voz de Lorena Souto, unha poeta que desde a os seus primeiros versos, e nomeadamente en Coleópteros, amosou como a palabra pode diseccionar o acto da vida. Agora, recupera o texto daquela plaquette, publicada por Chan da Pólvora en 2018, e amplíao cunha serie de poemas onde esculca a identidade e a perda, a reconstrución e a linguaxe. A exuvia é, para a autora, aquilo que forma parte de nós e deixamos atrás despois dun cambio tan desgarrador que esixe, para sobrevivirmos, unha meta- morfose. A saliva remite á boca e á materialidade da linguaxe na pronuncia. Da conxunción da exuvia e da saliva xorde unha obra que lle pon palabras aos códigos dunha identidade inserida no rural e atravesada por un un cambio individual e colectivo. A terra, o mundo vexe- tal e o mundo animal forman parte crucial desa identida- de, nunha relación complexa e ambivalente que tamén se transforma. “A voz poética”, asegura a autora, “ensaia varios enfoques sobre esa relación: entender os códigos, as contradicións, pero tamén ampliar a perspectiva. 

Lorena Souto

Lorena Souto (O Páramo 1983) deuse a coñecer con Fase de trema (2012), polo que recibiu o Premio Xosé María Pérez Parallé. Logo, en 2018, publicou Coleópteros, colección breve de poemas que lle valeu o Premio Manuel Leiras Pulpeiro. Participou en edicións colectivas como Onda poética (2018), foi membro do consello de redacción da revista Dorna e do obradoiro de escrita creativa Tecedeiras, ademais de formar parte de Aderyn, proxecto poético-musical que en 2019 lanzou o álbum Fractura. Entre 2013 e 2019 traballou na Universidade de Bangor (País de Gales), onde tamén se doutorou cunha tese que sería publicada como Ainda invisíbeis? Narradoras e margens na literatura galega contemporâ- nea (2022). Como resultado do XI Obradoiro internacional de San Simón, traduciu textos de distintos poetas que apareceron no volume Baixo as ás protectoras de Inanna (2025). Actual- mente é profesora de galego na Escola Oficial de Idiomas.