Os teus dedos na miña braga con regra, o libro que confirmou hai case 25 anos a Lupe Gómez como unha das voces máis provocadoras da poesía galega, chega de novo ás librarías da man de Chan da Pólvora e este mércores, 30 de novembro, preséntase na libraría Couceiro de Compostela. O acto, que comezará ás 19.30 horas, contará coa participación da propia autora xunto á poeta Marga Tojo e Manuel Martínez, deseñador gráfico do selo editor.
A capacidade recursiva de Os teus dedos na miña braga con regra é froito, talvez, da percusión salmódica que ailla a obra no tempo e da xenialidade dunha autora que constrúe os poemas a partir de elementos visionarios. Aquí atoparedes algúns dos versos inesquecibles das últimas décadas, composición breves, mínimas, non exentas de humor, que nos rebentan como os golpes dunha boxeadora. Nunca teredes nas mans outro libro tan violento e tan inocente.