Publicado o

Lupe Gómez reedita e actualiza ‘Os teus dedos na miña braga con regra’, o seu libro máis provocador

Cando pasaron xa dúas décadas da publicación de Os teus dedos na miña braga con regra, de Lupe Gómez, e coincidindo co lanzamento de Así fala Penélope, a antoloxía de xénero que fixo Marta Dacosta, Chan da Pólvora reedita e actualiza o libro máis provocador e polémico da poeta de Fisteus. Deste xeito, a antoloxía prolóngase no verso implacable de Lupe Gómez cunha obra que rompeu os moldes na poesía dos anos noventa e mesmo foi censurada. O texto non só conserva a súa forza senón que adquiriu tamén unha extraordinaria beleza.

A capacidade recursiva de Os teus dedos na miña braga con regra é froito, talvez, da percusión salmódica que ailla a obra no tempo e da xenialidade dunha autora que constrúe os poemas a partir de elementos visionarios. Aquí atoparedes algúns dos versos inesquecibles das últimas décadas, composición breves, mínimas, non exentas de humor, que nos rebentan como os golpes dunha boxeadora. Nunca teredes nas mans outro libro tan violento e tan inocente. 

Lupe Gómez (Fisteus, 1972) desenvolve unha das traxectorias máis turbadoras da peosía galega contemporánea, con libros como Pornografía (1955) ou Camuflaxe (2017) que conmocionaron a miles de lectoras e lectores en todo o mundo grazas ás súas traducións ao alemán, o inglés, o español, o francés ou o portugués (Os teus dedos, de feito, aparecerá este outono no selo Uña Rota traducido ao castelán pola propia poeta). Autora da autobiografía Fisteus era un mundo (2001) ou de centos de artigos, entrevistas e críticas nas páxinas de A Nosa Terra e de Galicia Hoxe, Lupe Gómez recibiu nos últimos anos un amplo recoñecemento, entre eles o Premio da Crítica española. Ela asegura porén que o maior foi ser nomeada embaixadora do Concello de Curtis, onde se atopa Fisteus.