Margarita Ledo publicou en 1970, aos dezanove anos, o seu primeiro libro, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, un poemario sorprendente que editou Xistral e que marcaría o incio dunha das traxectorias creadoras máis singulares das últimas décadas en Galicia. Agora, cando se van cumprir os 55 anos desta publicación, a autora percorre para Chan da Pólvora as arestas da súa poética en Prefiro condenarme, título que coincide co do seu último documental, de estrea inminente en outono. O volume, con pezas inéditas como os seus poemas a Monforte de Lemos, preséntase este mércores 31 de xullo, a partir das 19 horas, na Casa da Galería, a fundación que está a crear na súa vila natal, Castro de Rei. Ese mesmo día, inaugúrase tamén o seu espazo expositivo cunha serie de traballos de Luís Moscardó inspirados na obra literaria da autora.
Margarita Ledo tiña 19 anos [na imaxe, ela a esa idade] cando publicou en Xistral, a editorial de Manuel María e Saleta Goi, o libro Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, o seu primeiro poemario. Agora, 55 anos despois, volve os ollos cara ao pasado e atravesa en Prefiro Condenarme, publicado por Chan da Pólvora na súa colección Cova da lontra, a historia da súa poesía. Faino, ademais, cun libro de miradas múltiples para descubrirnos os ángulos menos visibles do poema.
O título, baixo o que se agrupan desde as súas primeiras composicións de xuventude ata os textos máis recentes e característicos do seu estilo, coincide co da súa máis recente película, onde desenvolve en clave documental a idea do amor como insubmisión. Aquí, porén, Prefiro condenarme vólvese memoria accidental dunha frase que lle escoitou á súa nai.
O libro preséntase o mércores 31 de xullo, a partir das 19 horas, na Casa da Galería, a fundación que Margarita Ledo creou en Castro de Rei, a súa vila natal. “Escribir –asegura a autora– é entrar na soidade” pero tamén unha vía de “liberación” que eclosiona, nestas páxinas, como un acto de amor supremo: ler.
O volume inclúe un apéndice de contornas onde Eva Veiga se aproxima a poesía da autora e o artista Luís Moscardó se inspira na súa obra literaria para realizar a serie de debuxos Paisaxe interior. Precisamente, ese mesmo 31 de xullo, Moscardó inaugura con este traballo o espazo expositivo da Casa da Galería.