Publicado o

Margarita Ledo presenta en Numax o martes 10 de setembro a súa antoloxía ‘Prefiro condenarme’

Cando se van cumprir 55 anos do seu primeiro poemario, Margarita Ledo Andión percorre para Chan da Pólvora as arestas da súa poética en Prefiro condenarme, título que coincide co do seu último documental, de estrea inminente en outono. O volume, con pezas inéditas como os seus poemas a Monforte de Lemos, preséntase este maretes 10 de setembro, a partir das 20 horas, na Sala Numax de Santiago de Compostela. No particpará Luís Moscardó, autor das ilustracións que acompañan o texto o texto na sección Contornas, onde tamén se pode ler o ensaio de Eva Veiga Da fenda e do desexo.

Margarita Ledo tiña 19 anos [na imaxe, ela a esa idade] cando publicou en Xistral, a editorial de Manuel María e Saleta Goi, o libro Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, o seu primeiro poemario. Agora, 55 anos despois, volve os ollos cara ao pasado e atravesa en Prefiro Condenarme, publicado por Chan da Pólvora na súa colección Cova da lontra, a historia da súa poesía. Faino, ademais, cun libro de miradas múltiples para descubrirnos os ángulos menos visibles do poema.

O título, baixo o que se agrupan desde as súas primeiras composicións de xuventude ata os textos máis recentes e característicos do seu estilo, coincide co da súa máis recente película, onde desenvolve en clave documental a idea do amor como insubmisión. Aquí, porén, Prefiro condenarme vólvese memoria accidental dunha frase que lle escoitou á súa nai.

O libro preséntase o mércores 31 de xullo, a partir das 19 horas, na Casa da Galería, a fundación que Margarita Ledo creou en Castro de Rei, a súa vila natal. “Escribir –asegura a autora– é entrar na soidade” pero tamén unha vía de “liberación” que eclosiona, nestas páxinas, como un acto de amor supremo: ler.

O volume inclúe un apéndice de contornas onde Eva Veiga se aproxima a poesía da autora e o artista Luís Moscardó se inspira na súa obra literaria para realizar a serie de debuxos Paisaxe interior. Precisamente, ese mesmo 31 de xullo, Moscardó inaugura con este traballo o espazo expositivo da Casa da Galería.