Publicado o

Mario Regueira presenta o día 22 ‘Good-bye, Galicia’, a poesía reunida de Euxenio Montes

Good-bye, Galicia é o título co que Mario Regueira reúne para Chan da Pólvora a poesía galega e os ensaios de Euxenio Montes, un dos primeiros escritores vangardistas da literatura galega e, tamén, unha das figuras máis controvertidas da historia do século XX, período no que pasou de admirado activista no galeguismo a impulsor da Falange española. A edición de Regueira preséntase o vindeiro mércores 22 de xullo na libraría Couceiro de Compostela a partir das sete da tarde. O volume forma parte dun proxecto de Chan da Pólvora para revisar as vangardas de primeiros do século XX en Galicia. O primeiro título da serie foi U.. ju… juju, de Vicente Risco con contornas de Carlos L. Bernárdez e Miro Villar.

Entre 1919, data na que publica os seus primeiros poemas en A Nosa Terra e o ano 1930, cando sofre o rexeitamento explícito doutros autores novos, Euxenio Montes foi un participante activo da cultura galega, tanto como creador ou como xornalista, con presenza relevante no debate político e estético da Galiza dos anos 20. Datos significativos da súa traxectoria posterior son a súa candidatura nos socialistas ás eleccións de 1931 e, principalmente, a súa participación na fundación da Falange en 1933.

A edición que agora se presenta en Chan da Pólvora, a cargo de Mario Regueira, céntrase na súa produción poética e nas partici- apacións en cuestións estéticas. No volume, por tanto, está por vez primeira a poesía reunida de Montes e os seus ensaios galegos. A proposta forma parte dun proxecto máis amplo da editorial para ofrecer unha panorámica do momento –primeiros anos vinte do século XX– no que en Galicia se intentou crear un novo suxeito cultural cun discurso literario alternativo.

Euxenio Montes

Euxenio Montes (Vigo, 1900 – Madrid, 1982) foi na segunda década do século XX unha das figuras máis prometedoras do galeguismo. Douto- rouse en Filosoía e Letras cunha tese dirixida por Ortega y Gasset, escribiu brillantes artigos na Revista de Occidente ou nos xornais de Ourense e Vigo. Tratou a Unamuno, Gómez de la Serna, Lorca ou Alberti, ademais de ser unha das figuras predilectas de Vicente Risco en Nós e un colabora- dor asiduo nas publicacións ultraístas españolas. Ideoloxicamente inclinouse progresivamente cara á ultradereita. Foi un dos fundadores da Falange Española e acompañou a José Antonio Primo de Rivera nas súas viaxes á Alemaña nazi e a Italia fascista entre 1934 e 1935. Despois do golpe de estado de 1936, converteuse nun dos activistas culturais do réxime. Da súa relación epistolar con Blanco-Amor tamén se desprende que serviu de ponte cos escritores galegos menos asimilables. En galego publicou relatos como O vello mariño toma o sol (1922) e Tres contos, ou o decisivo poemario Versos a tres cás o neto (1930), inspirado no seu título en James Joyce. 

Mario Regueira

Mario Regueira (Ferrol, 1979) doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, ademais de escritor e crítico literario. A súa tese, Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo litterario de posguerra (1936- -1966) (Xerais, 2020) centrouse na literatura de posguerra, tendo tocado despois outras liñas relacionadas coa teoría queer, a ficción científica e a poesía contemporánea galega. Traballou como profesor para a Universidade de Santiago de Compostela na área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e na de Filoloxía Galega e Portuguesa.