Publicado o

Dobre cita este xoves 27: Marta Dacosta presenta ‘Así fala Penélope’ en Libraida e Angueira ‘Palmeiras, piueiros’ en Río Lagares

 

 

 

 

Chan da Pólvora desembarca este xoves 27 de outubro na contorna de Vigo con dúas presentacións, a première de Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) de Marta Dacosta na libraría Libraida de GondomarPalmeiras, piueiros de Anxo Angueira no espazo para a cultura Río Lagares de Vigo. As dúas presentacións terán lugar ás 20 horas e no caso do acto de Angueira contará con dous invitados de excepción, a novelista e tradutora Moncha Fuentes, autora de títulos tan celebrados como O mar que nos leva ou O tradutor de sombras, e o poeta Farrusco Sesto Novás.

O libro de Marta Dacosta é unha aposta singular de Chan da Pólvora para este outono. Que as poetas galegas foron rompendo moldes e abrindo sucos nun universo antes case masculino en exclusiva é unha obviedade. Que nas últimas décadas se converteron, ademais, nun acontecemento internacional tamén resulta unha realidade incontestable. Para achegarnos ao fenómeno, Chan da Pólvora publica Así fala Penélope, un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís.

A proposta, o número 8 da colección Sentulo, é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un realto comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novbas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.

Anxo Angueira con Moncha Fuentes e Farruco Sesto

Pola súa banda, Palmeiras, piueiros é un dos éixtos editoriais deste ano, un libro que marcou o regreso de Anxo Angueira á poesía tras anos de silencio. Porén, non se trata só dun regreso: estamos ante unha visión global sobre o autor que Chan da Pólvora publica no seu sesenta aniversario e no que o acompañan as esculcas reveladoras de Chus Pato e de Xabier Cordal.

O libro será presentado por Moncha Fuentes e Farruco Sesto no espazo de Río Lagares, na rúa Falperra, impulsado polo artista plástico e picadisco Cé Tomé xunto ao escritor Xavier Queipo. 

Palmeiras, piureiros nace dun feito determinante: a morte da palmeira de Manselle, que para el simbolizaba un emblema do seu lugar natal e, ao mesmo tempo, unha refexión sobre a idea de rexurdimento na historia cultural da Galicia contemporánea. Nese suceso, desencadeouse o impulso creativo e extendenuse en múltiples dirección, nun proceso desbordante que atinxe tanto á intensidade formal como á profundidade das emocións. Máis que nunca, neste libro de Angueira, a palabra e a voz son un principio de pracer.