Publicado o

Martínez Modroño preséntase este venres con Versofonía no Ateneo Casino de Monforte

Mercedes Martínez Modroño, unha das activistas culturais da Ribeira Sacra, presenta este venres dous de decembro no Ateneo Casino de Monforte de Lemos o seu primeiro poemario, A falta dun Edén, a terra, publicado por Chan da Pólvora. O acto, que terá lugar a partir das oito da tarde, servirá tamén para presentar o proxecto de intervención musical que a poeta de Lumeares desenvolve xunto con Versofonías. Unha ocasión excepcional para coñecer as propostas que nos últimos anos converteron a Ribeira nun espazo de referencia en Galicia.

O libro, que aparece dentro da Colección N, o proxecto partillado por Chan da Pólvora e Amastrangallar, é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística. Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente.