Publicado o

Mercedes Martínez Modroño, unha activista que na Ribeira Sacra descubriu a poesía da terra e da vida

Colección N, o proxecto partillado por Chan da Pólvora e Amastrangallar, irrompe con forza este outono e achega ás librarías dous novos títulos: A falta dun Edén, a terra, de Mercedes Martínez Modroño, e O lugariño, de Iago González. O libro de Modroño, unha das máis recoñecidas activistas da Riberia Sacra, preséntase este venres 7 de outubro no Castelo de Castro Caldelas, a partir das 18.30 horas, nun acto no que participará a autora e mais o seu dúo Versofonía [na lapela de LIPo, nesta mesma páxina, poderedes atopar o link do seu traballo máis recente A bolboreta e o capitalismo].

A falta dun Edén, a terra é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística. Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente.

O libro forma parte dun ambicioso proxecto que a autora desenvolve desde hai tempo. Nel, os textos prolónganse nunha dimensión musical que interpreta en directo co dúo Versofonía e que ten como principal espazo de acción a Ribeira Sacra.

Colección N

Colección N, con catro títulos xa nas librarías, é unha proposta codirxida por Emilio Araúxo e Lopo que pretende recoller os efectos do poema e as súas derivacións no diálogo-discurso da liña-verso. Trátase de expoñer ideas nítidas que afloran nos lindes difusos da poesía, un lume que, lentamente, se fai desaparición. Unha cinta que corre.

Mercedes Martínez Modroño

Mercedes Martínez Modroño (A Coruña, 1968) vive na vertente ourensá da Ribeira desde 1999. Aínda que é pedagoga de formación, nos últimos anos traballou no campo da comunicación turística, froito do cal en 2014 publica Viaxe desde os cantís á memoria. Guía libre para entender Parada de Sil. Colaborou co diario dixital Praza Pública e outros medios de opinión. Desde 2021, forma parte do dúo Versononía, onde combinan a música e a poesía. Este volume, o seu primeiro poemario, reúne algunhas desas composicións que recita ao vivo. (En Instagram @lady.alpaca).