
Miriam Reyes, a autora de Sardiña, un dos primeiros libros publicados por Chan da Pólvora, recibiu o Premio Nacional de Literatura en España, como recoñecemento ao seu recente poemario Con, que puido verse representado en Galicia na última edición do festival Alguén que respira!, en Compostela, co acompañamento dunha soprano e varios músicos. Sardiña é, de momento, o seu único libro en galego, unha entrega de excepcional valor simbólico que lle permitiu reencontrarse coa súa lingua nai após anos de distanciamento.
En agosto de 1983, cando ten oito anos, Miriam Reyes emigra cos seus pais desde o Ourense natal a Caracas, unha viaxe que rompe a conexión das súas raíces e a envolvencia do idioma no que se criara. Desde entón, intentou escribir en galego para referirse á experiencia da emigración sen que ningún proxecto callara. Porén, trinta e cinco anos despois daquela dolorosa ruptura, xurde Sardiña, onde Miriam Reyes, a través da figura do seu avó, reflexiona sobre unha lingua que non é sua e, ao tempo, si o é. Un traballo de grande forza literaria que documenta o seu achegamento á escrita en galego, as súas limitacións e as frustracións dese proceso. Trátase dun dos libros máis sorprendentes e lúcidos que se escribiu nas linguas da nosa contorna sobre a emigración, temática á que logo se uniron, precisamente en Chan da Pólvora, títulos como Todos os lonxes de Breogán Torres e himno nacional de Miguel Cavadas.
O libro só pode adquirirse a través da web de Chan da Pólvora, na lapela de Libraría.



