
A libraría Wells de Cangas acolle este venres 28 de novembro, a partir das oito da tarde, a proposta Novoneyra a viva voz, unha recreación de Mónica Camaño sobre a biografía A distancia do lobo, de Antón Lopo, reeditada por Noudelo e Ribón xunto á Fundación Uxío Novoneyra. O acto será unha “lectura con moito corpo e sen dramatismos” arredor do autor d’Os Eidos. Nela, Camaño e Lopo compartirán “a viva voz” algúns aspectos da vida poeta retratados no volume.
A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.
A proposta poderá verse un día despois, o sábado 29 a partir das oito da tarde, no Culturgal, que se celebra durante a fin der semana en Pontevedra.



