Publicado o

Morreu María Salvado

(Na imaxe, María Salvado na Illa de Ons)

 

María Salvado, unha das fundadoras  de Chan da Pólvora, faleceu este luns pola mañá en Compostela, onde residiu boa parte da súa vida e foi unha das súas máis enérxicas cidadás.  “O amor”, escribiu un día, “é o único que pode salvarnos” e ela amou máis do que poden determinar as leis. Nacida en Budiño (O Pino) en 1950, María Salvado López  é unha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde finais dos anos sesenta, cando comeza a exercer como mestra no Freixo, no Concello de Outes. Acababa de cumprir 18 anos e non tardou en converterse nun dos símbolos do cambio democrático que se aveciñaba. A súa aposta pola autonomía do alumnado como fonte de coñecemento e o compromiso coas persoas menos favorecidas déronlle luz propia na descomposición orgánica do franquismo. A este compromiso social e pedagóxico uníase o seu carácter reivindicativo. De feito, foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública, o cal orixinou un conflito de grande aparataxe periodística na época.

A súa xuventude permitiulle tecer un nó entre o mestrado progresista que sobrevivira ao sistema educativo da ditadura e as xeracións novas que aspiraban a susperar as limitacións do réxime de 1936.

Formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía, etapa na que entra en contacto con Herminio Barreiro, filósofo e pedagogo que a guiou nos primeiros pasos teóricos. Seguidora das prácticas de Célestin Freinet, María Salvado propuxo unha escola ao servizo das clases con menos recursos económicos, participativa, coa razón como eixo fronte á sumisión e a obediencia.

influíuna tamén Piaget ou María Montessori, pero sobre todo Rosa Sensat, que propiciou unha educación de conexión co feminismo e coa ecoloxía, principios que ela puxo por diante sempre, á par da demanda social.

En 1983, xunto a un grupo de pedagogos, promoveu Nova Escola Galega, movemento de base aínda en funcionamento que ten entre os seus obxectivo primordiais o de construír un sistema educativo galego, público e democrático.

A política como transformación

A actitude, firme e nada compracente púxoa na senda da acción política. Participou na creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG), o primeiro sindicato do ensino que houbo no país, e impulsou, posteriormente unha alternativa a esta formación co Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE), articulado desde o nacionalismo plural.

Licenciada tamén en psicoloxía, María Salvado formou parte dos equipos psicopedagóxicos de apoio, que cambiaron de maneira xa irreversible a atención á diversidade nos centros de ensino. Xunto a Teresa Núñez, formou unha rede de grande eficacia ao servizo da educación pública –que consideraba a base de calquera igualdade– e das persoas con maiores necesidades pedagóxicas.

Esta vertente foi inseparable do activismo político e cultural. Fundou o Partido Obreiro Galego (POG) e participou en Unidade Galega, coalición que uniu electoralmente ao POG co PSG e o PG. Logo, implicouse na posta en marcha de Esquerda Galega (EG) e nos movementos feministas. Non abandonou o pulso político ata o último alento da vida.

No cultural, desempeñou un labor esencial como mentora de diferentes xeracións de poetas, desde Manuel Rivas a Antón Lopo.  O seu papel resultou clave, así mesmo, como ponte entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Galicia durante os anos que viviron en Cuba.

Fundación de Chan da Pólvora e Horta das Chas

En 2015 participou no nacemento de Chan da Pólvora na Illa de Ons. Foi o aval da libraría, vinculada ao proxecto comunal, e asinou como subscritora fundadora da editorial. Impulsou de maneira definitiva a creación da Horta das Chas, que desde a súa inauguración en xuño de 2020, supuxo para apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade. Trátase un predio de seiscentos metros cadrados da súa propiedade que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A horta é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para a cidade.

O conforto e a mirada

A última aparición pública de María Salvado foi, precisamente, nun acto de Chan da Pólvora Editora: a presentación en Númax da antoloxía Prefiro condenarme de Margarita Ledo o pasado dez de setembro. O acto convertiuse, de maneira espontánea, nunha emotiva homenaxe onde ela recibiu unha longa ovación polo seu contributo á editora.

Da memoria que nos deixa permanecerá o seu entusiasmo, a súa xenerosidade, o amor, a enerxía e a compaña que nos deu, imborrable. As nosas vidas non serían as mesmas sen a súa mirada. A poesía galega non sería a mesma sen a súa acción.