nenas medrando, o debut de Silvia García na poesía, preséntase este venres día 23, a partir das sete da tarde, no CGAC, en Compostela. O libro, que forma parte de Areal de Melide de Chan da Pólvora Editora, está recollendo o entusiasmo da crítica, que valora a ousadía deste traballo híbrido entre a escrita e a proposta plástica.
No ano 2009, Silvia García iniciou na Biblioteca do CGAC o proxecto Os silencios de Alicia. Unha década despois retoma algúns dos elementos deste proxecto e redimensiónaos cunha serie de poemas onde a súa voz se funde coa memoria allea para construír un libro arredor da conciencia do corpo, das sensacións, dos procesos de maduración e, mesmo, dos recordos que aparecen cando asistimos como nais ao crecemento dunha nena. Silvia García comezou a coleccionar fotografías anónimas adquiridas en mercadiños e a través de internet
Sobre esa base, intentou buscar un fío que lle permitise albiscar a pose e a maneira na que as mulleres e as nenas aparecen nas fotografías: como miraban a cámara e como traslucían se estaban cómodas ou non. Aí comezou a súa curiosidade polo silencio, polo que cada nena cala, a súa incomodidade pero tamén o seu acomodo a unha realidade que lle ven dada.