Publicado o

‘Neve de agosto’ fai que en agosto neve a palabra oscilante de Nieves Neira Roca

Neve de agosto, o libro de Nieves Neira que serviu de referencia ao relanzamento da colección Sentulo de Chan da Pólvora, esgotou en só dous meses a súa primeira edición. Aprezado entre *s lector*s, loado pola crítica e recomendado por autoras como Miriam Ferradáns como un dos mellores poemarios do ano, Neve de agosto fai homenaxe ao seu título e neste mes de rigorosa calor percorrerá as terras orientais de Galicia nunha xira de presentacións que cumina o sábado 27 no festival dos Eidos, a cita anual que convoca en Parada do Courel a Fundación Uxío Novoneyra. Previamente, estará o día 18 en Becerreá, o día 22 no Corgo e o 24 de agosto na Feira do Libro de Monforte, dentro dun acto organizado por Chan da Pólvora onde tamén se poderán escoitar os poemas de Nuria Vilán Prado, autora dun dos títulos xa de culto da poesía galega actual, Simún.

Nieves Neira Roca (Lugo, 1983) non o esperaba, pero en menos de dous meses esgotou a primeira edición de Neve de agosto, o seu primeiro poemario, un libro de palabra oscilante que fala do estraño no poema pero tamén da perigosa seducción do extraordinario. Presentado o pasado 22 de xuño en Lugo, o libro atópase agora en proceso de reedición para chegar a tempo ao Festival dos Eidos, onde a poeta  o presentará o 27 de agosto co espectáculo Trenza. Será, sen dúbida, unha das propostas estrela deste festival que anualmente organiza en Parada do Courel a Fundación Uxío Novoneyra, que este ano programou a outra das poetas estreitamente vinculadas a Chan da Pólvora, Lupe Gómez.

Nieve de agosto forma parte dunha campaña que o selo editorial realizou a principio deste verán para relanzar a súa coleccion de libros de man Sentulo. Nesa campaña, o libro de Nieves Neira estivo acompañado da reedición dalgúns dos títulos máis celebrados de Chan da Pólvora no último ano: A desvértebra de Ana Romaní, O gran poema de Constantino Bértolo e Simún de Nuria Vilán Prado. O relanzamento é froito dunha estratexia que combata a asfixiante situación do libro, cunha inflación desbocada e un acusado encarecemento do papel. Para reverter este efecto implosivo, propuxéronse catro títulos de alta calidade literaria, excelente factura no deseño e un prezo excepcional de 12 euros. O resultado está á vista, coa segunda edición de Neve de agosto no prelo ou Simún a punto de esgotar a nova tiraxe.

Facendo homenaxe ao seu título, Nieves Neira preparou un mes de agosto intenso, con múltiples presentacións. O día 18 estará en Becerreá, onde fará baixo título Trenza unha lectura escénica do libro xunto á creadora musical Olalla Caamaño e a bailarina Cris Vilariño. Ese é o espectáculo que, precisamente, farán o día 27 en Parada do Courel.

Previamente, o día 22 de agosto, o punto de atención á lectura do Corgo –unha iniciativa do antropólogo Lois Ladra– celebra os seus cen días de actividade coa presentación de Neve de agosto. Luis Ladra desenvolve no Corgo desde hai un tempo un proxecto de recollida do patrimonio oral.

Xa o mércores día 24, Nieves Neira presenta na Feira do Libro de Monforte de Lemos o seu libro, dentro dun acto impulsado por Chan da Pólvora no quer tamén participa Nuria Vilán Prado. Trátase, segundo a editora, de achegar dúas voces de singular personalidade a unha feira onde o selo tivo sempre unha especial presenza, xa que realiza para a comarca da Ribeira Sacra a colección Biblioteca de Mesopotamia.