Publicado o

Nieves Neira presenta ‘Neve de agosto’ en Lugo este mércores 22 de xuño

Nieves Neira Roca presenta o próximo mércores 21 de xuño no Vello Cárcere de Lugo –nun acto que se celebra a partir das oito da tarde– o seu primeiro poemario, Neve de agosto. O título aparece na colección Sentulo, unha novidosa aposta de Chan da Pólvora Editora polo libro de man como intento de sortear a inflación desbocada e a carestía do papel para manter intacta a conexión da poesía coa súa cerna popular. Neira Roca estará acompañada de María Grandío e da creadora musical Olalla Caamaño.

Aínda que levemos anos asistinto á emerxencia de Nieves Neira como poeta prodixiosa na dimensión oral, Neve de agosto é o seu primeiro libro. Nel conflúen escritas de distintas liñas temporais e unha serie de ramificacións que esculcan as voces ocultas do mundo. O título alude á tradición cristiá das nevaradas fóra de tempo, fenómeno milagreiro que sinalaba o lugar onde debía construírse un santuario. Desprovisto aquí da dimensión relixiosa, Neve de agosto fala do estraño que habita o poema pero tamén da perigosa seducción do extraordinario. Aborda a cuestión de esperar o inesperado e non caer na negación do mundo, de asumir a desilusión do horizonte e non negar a emoción e o movemento. Os poemas oscilan, precipítanse e son recipientes de respostas que nos conducen, finalmente, a un espazo onde aínda non existimos.

Sentulo é unha novidosa aposta á inflación desbocada e ao encarecemento do papel. Fronte a ese desafío, Chan da Pólvora, que xurdiu hai seis anos co obxectivo de abrir tránsitos inéditos na poesía galega, propón relanzar a súa colección de libros de man, que se iniciara coa antoloxía Os dentes da mazá. Os novos títulos manteñen a vertente de entón, caracterizada pola esmerada selección de textos, un prezo excepcional de doce euros e o coidado material que fai dos volumes do selo un obxecto tamén de disfrute táctil e visual. O poemario de Neira Roca aparece, precisamente, xunto coas reedicións de Simún de Nuria Vil –un dos acontecementos poéticos dos últimos meses–, A desvértebra de Ana Romaní –aclamada tanto pola crítica como polo público– ou O gran poema, poderosa epopea coa que Constantino Bértolo recuperou o galego para a súa obra.

Nieves Neira Roca (Lugo, 1983) publica desde hai anos textos poéticos e críticos en distintos medios pero, sobre todo, é recoñecida polo seu traballo periodístico. Como autora, deuse a coñecer con O feitizo de Maruja Roca, un asombroso libro sobre a súa tía avoa, unha fotógrafa do Becerreá da posguerra. Actualmente escribe unha tese sobre Uxío Novoneyra, poeta de referencia familiar e vital co que está profundamente vencellada. De feito, é unha das máis estreitas colaboradoras da Fundación que coida o legado do escritor no Courel.