Publicado o

‘nós outras’, o libro que reúne a Marica Campo e Menchu Lamas na aposta pola diversidade

A poesía galega xa ten un libro concibido para crear estratexias contra a marxinación e o acoso escolar. O libro publícao Chan da Pólvora na súa colección Udra co título nós outras e aparece nunha sorprendente edición marcada polo brillo sonoro dos versos de Marica Campo e a explosión cromatica nas imaxes que realiza Menchu Lamas. Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas pola súa enerxía simbólica arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha grande forza, estreitamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia.

 

nós outras é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. Estas páxinas tratan de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso. A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, Nós outra propón unha viaxe excepcional e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano.

As ilustracións de Lamas, marcadas polo cromatismo vibrante e un amplo abano de propostas simbólicas arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha luminosidade sorprendente, perfectamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das mási admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia.

Marica Campo [Val do Mao, 1948] foi mestra e, dalgún xeito, esa experiencia, tamén marcou a súa obra, orientada en boa parte cara ás lectoras e os lectores máis novos, tanto na poesía como na narrativa. Aínda que foi unha escritora precoz, non publicou ata 1992 o seu primeiro libro, Tras as portas do rostro, ao que seguiron, entre outros, Pedinche luz prestada ou Abracadabras, polo que recibiu distintos galardóns, entre eles o AELG de literatura infantil. É autora de distintas pezas dramáticas e de novelas.