
Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) é unha das voces máis celebradas da poesía galega das últimas décadas, cunha obra que comprende tanto a narrativa, o verso, o ensaio ou o teatro. Hai agora 25 anos, en 2001, publicaba un dos libros que marcaron unha época. Titulábase Fisteus era un mundo e nel a escritora reconstruía a súa infancia e a vida familiar na década dos anos setenta, nun relato de gran poder emocional e conmovedoras imaxes. Noudelo e Ribón celebra eses 25 anos cun volume de edición esmerada onde se incorpora tamén material inédito.
Noudelo e Ribón, un selo impulsado por Antón Lopo a través do Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo), achega estes días ás librarías un volume de características singulares, non só pola coidada edición senón tamén pola súa relevancia dentro dos acontecementos editoriais da literatura galega recente. Trátase de Fisteus era un mundo, libro que convertiría á súa autora, Lupe Gómez, nunha das escritoras máis queridas do momento.
O volume apareceu no ano 2001, publicada por A Nosa Terra, e Noudelo e Ribón celebra os seus 25 anos con esta edición revisada pola propia autora –con coordinación lingüística de Anxos Sumai– que nos achega material inédito e unha serie de fotografías que lle dan rostro a varios dos personaxes que desfilan polas páxinas deste relato conmovedor e apaixonado. Se ben Fisteus era un mundo sigue a liña da poesía de Lupe Gómez, en poucas ocasión logrou transmitir o poder da súa memoria, da súa infancia, como neste volume, que abrangue desde o nacamento da escritora ata os primeiros anos da súa adolescencia. “Fisteus era un mundo”, asegurou Lupe Gómez nalgunha ocasión, “é o meu libro máis alegre, o máis optimista, o máis sincero. É un libro moi vivido. Unha narración-poema feita coa miña vida, cos meus sentimentos”.
“Nomeand0 o mundo de Fisteus”, escribe nas páxinas do volume, “para que exista sempre. Pode morrer fisicamente pero quero que a aldea nos quede viva na palabra e nas ideas. Adrede idealizo aquel xeito de vida. Idealizar é unha forma de amar. De amar moito, quizais. De entregarse a unha causa”.
Lupe Gómez
Lupe Gómez (Fisteus, Curtis,1972), poeta, narradora e xornalista, é licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC. Ten colaborado nos xornais El Correo Gallego, A Nosa Terra e Galicia Hoxe, configurando un conxunto de obra xornalística de transcendencia cultural. Publicou libros de poesía como Pornografía (1995), Camuflaxe (2017), Montaña Ioga (2022) ou Salón de Té (2023). Traducida ao francés, inglés, alemán, castelán, euskera, catalán e portugués. Obtivo, entre outros, os premios Miguel González Garcés, Premio da Crítica Española, Rosalía de Castro, Fiz Vergara Vilariño, Manuel Lueiro Rey. Como dramaturga publicou as obras Diario dun bar (2008) e Diálogos imposíbeis (2010). É autora do libro Luz e Lupe(2005) de conversas con Luz Fandiño, do diario Quero Bailar (2006) e do epistolario Fosforescencias (2019). No ano 2022 foi nomeada embaixadora do Concello de Curtis. Os seus últimos libros publicados son Herbario da noite pecha (2024), co que gañou a primeira edición do premio Carlos Oroza na modalidade de lingua galega, e A Pintora. Caixóns de auga malva (2025) co que gañou o premio Manuel López Ardeiro.



