Publicado o

O colectivo das Lupercais preséntase no Morrazo cun recital na libraría Wells de Cangas

Catro dos poetas lupercaisNieves Neira, Maria Grandío, Xerardo Quintiá e Luís López Alonso– presentan este mércores nove de agosto na libraría Wells de Cangas, a partir das nove do serán, a antoloxía de Chan da Pólvora sobre este colectivo, titulada precisamente Lupercais (Unha antoloxía posible). Aínda que engastado na súa xeografía a Lugo,  o grupo mantén relacións con distintas latitudes do país, incluído o Morrazo, onde reside López Alonso, autor dunha das xoias da poesía última galega, Salífero. O autor (Sarria, 1977) desenvolve unha proposta onde a dimensión do verso se mestura coa experimentación física e emocional, o cal o converte nun dos performers poéticos máis interesantes do momento actual en Galicia. Canda el estará unha poeta estreitamente ligada a Chan da Pólvora, Nieves Neira, autora dun dos títulos máis celebrados dos últimos anos, Neve de agosto, con tres edicións nas librarías e un feixe de críticas excepcionais. Neve de agosto aborda a cuestión de esperar o inesperado e non caer na negación do mundo, de asumir a desilusión do horizonte e non negar a emoción e o movemento.

O recital da libraría Wells de Cangas inclúe a poesía de María Grandío e Xerardo Quintiá. Ela é dona dunha presenza poderosa que atopa no verso estremecedor o impacto da poesía (case dramática por momentos) mentres Quintiá explora vieiros no que conflúen a poesía, a literatura dirixida ás crianzas ou a novela, como a súa extraordinaria achega á peripecia de Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle.

Ademais destes nomes, Lupercais (Unha antoloxía posible) inclúe a obra doutros membros do colectivo, como Genaro da Silva, Sara Plaza, Abrahán Pérez, Antóm Fortes, Mónica Caldeiro, Luís Valle, Lois Pérez e Miguel Ángel Curiel, que nesta antoloxía de Chan da Polvora publica os seus primeiros poemas en galego. Son doce poetas nunha relación profundamente literaria, case bohemia, e que consolidaron a súa amizade arredor das Lupercais, nome dun festival organizado polo colectivo que cada ano se celebra en Lugo.