Publicado o

‘O gran poema’ de Tino de Féliz preséntase este sábado, 17 de setembro, en Navia de Suarna

O gran poema, o primeiro libro en galego de Constantino Bértolo (que o asina como Tino de Féliz) preséntase este sábado, 17 de setembro, en Navia de Suarna, a terra que protagoniza (e enchoupa) as páxinas desta obra asombrosa.  O acto terá lugar ás cinco da tarde na Casa Quiñones e contará coa participación do autor e mais de Toño Núñez, escritor que naceu en Navia con títulos como Navia, nai. 

A primeira impresión que xurde ao abrir O gran poema é que estamos ante un libro concibido como un monte ou como un río. Un libro que sae das tripas da terra para romper a pedra e abrir o aire. Ao abeiro de Tino de Féliz está Constantino Bértolo, o home que nas décadas mediadas entre o seu alcume infantil e este poemario se converteu nun dos críticos e editores con máis prestixio de Europa.

Tino de Féliz (nome comunal de Constantino Bértolo), naceu en Navia de Suarna en 1946. Aos nove anos marchou con a sua familia a Madrid onde estudou Filoloxía Hispánica. Durante anos exerceu como crítico literario en diversos medios de prensa. Foi director da editorial Debate entre 1991e 2003, e da editorial Caballo de Troya desde o 2000 ata a súa xubilación no 2014. La cena de los notables, sobre lectura y crítica (2008), Lenin, el revolucionario que no sabía demasiado (2012) e Llamando a las puertas de la revolución. T extos de Karl Marx (2017) son algunhas das súas últimas publicacións. Os seus primeiros poemas datan dos anos sesenta e algúns apareceron na lendaria Antología de la joven poesía española de 1966. Un deses poemas foi musicalizado por Agua Viva. Tamén é autor dunha plaquette de poesía en castelán, En Resumen (2008).