O libro que inaugura a colección Illa de Ons de Chan da Pólvora, Até aquí podo contar de José Manuel Dopazo Entenza, colocouse entre os títulos galegos de maior éxito en agosto, segundo subliña Faro de Vigo na súa habitual lista de vendas, realizada sobre as achegas da Casa do Libro de Vigo e da Libraría Miranda de Bueu. Até aquí podo contar presentouse o pasado 21 de agosto en Ons nos actos do día grande das festas patronais da illa. A edición, que contou co apoio do Concello de Bueu, inclúe un importante apéndice documental de imaxes e de textos que nos permiten evocar –e falar– como illáns.
Nos últimos anos, a visión de Ons transformouse de maneira radical. Houbo achegas reveladoras á toponimia, á historia ou aos costumes dos illáns -elemento distintivo da etnografía insular galega-. Ao tempo púxose en valor a especificidade natural do arquipélago e saíron á luz achados sorprendentes, como unha factoría romana para fabricar a prezada púrpura. Porén, este libro é o primeiro estudo científico sobre as características lingüísticas do pobo que habita as illas. Tedes nas mans un pequeno tesouro. Nel, gárdase a fala tal como estaría na súa placenta anterga e a fala que evolucionou á marxe das correntes continentais. Trátase dun libro fundamental que fixa a cerna cultural de Ons.