El món dels vius é o título en catalán de O mundo dos vivos, o poemario de Samuel Solleiro que publicou Chan da Pólvora e agora aparece no selo balear AdiA Edicións. Paco Esteve, que foi lector de catalá na Universidade de Santiago, encargouse da tradución, incluída na colección Ossos de Sol. A ciolección coordínaa o poeta mallorquín Pau Vadell, do cal se pode ler en galego unha das súas obras cimeiras, Coas costas dobradas, tamén en Chan da Pólvora. O libro de Solleiro, considerado a figura emblemática da poesía outsider galega, chegou recentemente ás librarías españolas tamén en castelán, da man do selo Bastiscafo.
O poeta non tiña claro que volvese publicar achegas propias ata que no ano 2017 debeu seleccionar varios inéditos para a antoloxía 13. Remexeu nos cartafoles remotos do seu ordenador, onde estaba o pouco que escribira nos últimos anos, e enfrontouse de repente á carnalidade daqueles textos case esquecidos. Foi, para el, unha experiencia dolorosa e, ao tempo, necesaria. Tanto que ao cabo dunhas semanas volveu escribir, aínda que fose como quen aprende a andar despois de poñer unha perna ortopétida. O resultado é O mundo dos vivos, un libro contra a significación excesiva e o risco de que as metáforas devoren o mundo. Un libro que propón unha maneira sorprendente de abordar o poema nun momento en que resulta necesario, máis que nunca, transitalo por camiños sen trillar. Solleiro constrúe un texto sobre a posibilidade de volver ser o que unha vez se foi e sobre a fascinación de estar aínda sobre a terra, cuestións estas que converten O mundo dos vivos nun dos regresos máis escintilantes da poesía galega última, un poderoso e emotivo exercicio de amor atroz pola vida.
Solleiro é tamén, para Chan da Polvora, o traductor da poesía da premio Nobel de Literatura Louise Glück, da que xa se publicaron na colección O Río os títulos Noite fiel e virtuosa ou Receitas de inverno desde a comunidade.