Publicado o

Oriana Méndez, Xosé Maria Álvarez Cáccamo e Reixa presentan os seus libros na Coruña e en Vigo

Oriana Méndez, Xosé María Álvarez Cáccamo e Antón Reixa presentan estes días en distintas cidades de Galicia os seus máis recentes poemarios, chairas sucesións, A liña da vida e 2ª man, publicados por Chan da Pólvora.

Oriana Méndez estará este xoves 25, a partir das sete da tarde, na libraría Moito Conto da Coruña, acompañada por Dores Tembrás. Elas dúas, xunto ao editor Anton Lopo, falarán de chairas sucesións, un poemario onde a chaira –o encontro– adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas.

Pola súa banda, Xosé María Álvarez Cáccamo presenta A liña da vida no espazo Discos Río Lagares de Vigo o vindeiro xoves día 1 de febreiro, nun faladoiro onde participan Xavier Queipo –un dos impulsores deste espazo alternativo– e o propio Lopo. O acto comezará ás oito oito da tarde no número 16 da rúa Falperra.

Antón Reixa, por último, achegará o xoves 8 de febreiro á Coruña –tamén na libraría Moito Conto– a súa performance Acción anakoluto, que lle serve de tarxeta de presentación a 2ª man, libro no que esta performance está documentada, canda outros textos. Será a partir das sete da tarde coa compaña de Sol Mariño.