Publicado o

Oriana Méndez e o fondo desexo da verdade no seu último libro, ‘chairas sucesións’

Oriana Méndez, unha das autoras xa clave na nova poesía galega, refunda a súa singular proposta de linguaxe e de forma con chairas sucesións, o libro que acaba de publicar Chan da Pólvora e que estes días chega ás librarías. En palabras de María do Cebreiro, autora do posfacio do volume, estamos ante “un libro sobre o amor e sobre as escuridades do amor, que son a condición de posibilidade dos seus propios recomezos”. 

chaira sucesión é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chaira sucesión, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia. A chaira, é dicir, o encontro, adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas.

O volume conta cun posfacio de Maria do Cebreiro, quen subliña que estamos ante “un libro sobre o amor e sobre as escuridades do amor, que son a condición de posibilidade dos seus pro- pios recomezos”. Trátase, engade María do Cebreiro, dunha  “ocasión para o reencontro coa mellor tradición de pensamento poético, político e amoroso do novo século. Aquela que, como na ética de Alain Badiou, atopa na arela de infinito a única contestación posible ao capital. Ante a finitude das cousas, é a apertura aos outros a que nos salva. Ao tempo traducible e intraducible, a comunidade dos amantes de Oriana Méndez impónsenos como un fondo desexo de verdade”.

Oriana Méndez (Vigo, 1984) publicou os libros de poesía Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (XVII Premio de poesía do Concello de Carral, 2015), O corazón pronúnciase extenso (V Premio de Poesía Rosalía de Castro, 2019) e Interna (XVIII Premio de Poesía Afundación, 2020).Forma parte, entre outras, das escolmas Anthology of Galician Literature (1981-2011) – Antoloxía da Literatura Galega (1981-2011) (Galaxia, Xerais, Xunta de Galicia);  Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra); 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora – Papeles Mínimos) ou Poesía bajo sospecha. Españolas nacidas entre 1976 y 1993 (Animal Sospechoso). Traduciu, do francés ao galego: O amante, de Marguerite Duras (Kalandraka, 2020) e Fragmentos dun diario do inferno, de Antonin Artaud, en Dorna. Expresión poética galega, 2020.