Oriana Méndez, unha das autoras xa clave na nova poesía galega, comeza este xoves día 23, na Sala Numax de Compostela, a campaña para presentar o seu novo libro, chairas sucesións, obra na que refunda a súa singular proposta de linguaxe e de forma poética. O libro, que acaba de publicar Chan da Pólvora, tamén se presenta o día trinta de novembro, a partir das oito da tarde, na libraría cartabón de Vigo.
chaira sucesión é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chaira sucesión, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia. A chaira, é dicir, o encontro, adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas.