Publicado o

‘Outlet’, o último libro de Antón Reixa, preséntase o xoves día 20 na libraría Cartabón de Vigo

Outlet, o libro de poesía de Antón Reixa que publicou Chan da Pólvora, preséntase o xoves 20 de maio ás oito da tarde na libraría Cartabón de Vigo. Será só dous días antes de que o seu grupo de música Os Resentidos presenten no Auditorio do Mar de Vigo o seu primeiro disco de estudo desde 1993, titulado Organización Nautilus. Será unha oportunidade única para reencontrarse cun dos activistas que revolucionaron os formatos culturais galegos das últimas décadas.

Despois dunha paréntese de creación poética e durante a convalecencia dun accidente que case lle costa a vida, Antón Reixa entra nun período intenso de escrita. Dese transo de marcada reflexión, e  partir de textos pre-existentes, xurden os poemas de Outlet, un libro que se nutre da racionalización do proceso creativo. O lévedo son distintos materiais pre-existentes ou o exercicio de memorialismo e autoficción que lle serviu para compactar o sobrecolledor Michigan / Acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma, onde revelou vertentes ata entón inéditas da sea obra literaria. A heterogeneidad formal e temática de Outlet ten que ver coa procura compulsiva dunha voz propia pero tamén coa incansable exploración dun artista que non renuncia á capacidade de observar o mundo desde os dispositivos do humor e coa complicidade da súa intelixencia.