Publicado o

‘Outroutro’ de Jesús Castro converte nunha textura poética o mes de abril

Jesús Castro Yáñez quería que Outroutro fose textura máis que texto. Quería un libro cos mínimos vínculos persoais, un libro asociativo que estivese fóra do autor e fóra do propio libro, pero dentro do mundo. Deste xeito, Outroutro constrúese cunha mirada que se desliza sobre feitos cotiáns como se fosen constelacións de significado comunal. Os feitos máis sinxelos, o silencio, a acción inmóbil ou a modestia dos instantes íntimos úsanse na poesía de Castro Yáñez para crear unha poderosa conciencia poética, máis fascinante a medida que imos descubrindo a marabillosa estrutura especular do libro.

Durante este mes de abril, o autor levará este libro publicado por Chan da Pólvora a diferentes cidades de Galicia. O día 23 estará con Nieves Neira na libraría Trama de Lugo e o 24 na libraría Paz de Pontevedra xunto a Branca Trigo. O día 25 estará acompañado de Xiana Arias na libraría de Numax en Santiago de Compostela e o día 26 en Moito Conto, na Coruña, con Calis Pato.

“Para min, a estrutura é estilo e o estilo estrutura”, asegura e, dalgún xeito, el é un poeta que orbita arredor da especulación e expón preguntas esenciais para a súa proposta artística: Que é o que fai que un poema sexa este e non outro? Que é o intercambiable dun poema? Que é o que sempre queda nel e que, cando se extraia, fará que esboroe? Esta estratexia permítelle imaxinar como sería o poema antes de ter chegado a el, porque o que se escribe “sempre é a copia dun orixinal que non existe”. Como a identidade, que só pode afirmarse mediante repeticións –aínda que mute cada vez que algo se repita–, as palabras poder ser outras, acabadas de estear cada vez que as volvamos dicir.

 

Jesús Castro Yáñez

Jesús Castro Yáñez (Baltar, A Pastoriza; 1992) gañou no ano 2015 o Premio de Poesía Pérez Parallé con Os nomes e os himnos (Espiral Maior, 2016), libro que posteriormente ampliou como proxecto transmedia en https://www.instagram.com/catroxardinsardendo/ e na performance Ningún quería ser nube, para falar de homofobia interiorizada e delitos de odio contra a comunidade queer. No 2017 publicou Ultramarino (Chan da Pólvora Editora, 2017), que inaugurou a colección Areal de Melide do selo, e que mestura poesía e imaxe usando a técnica da cianotipia. No 2021 encargouse de coordinar e traducir Campo de plumas (Sushi Books), unha antoloxía de poemas LGBT+ ao longo da historia. Como tradutor, tamén verteu ao galego dous libros de Anne Carson: A antropoloxía da auga (Chan da Pólvora, 2023) e Autobiografía do vermello (Noudelo e Ribón, 2025). No eido da literatura infantil, escribiu Federico (Triqueta Verde, 2023), un conto que entre a prosa e o verso propón unha biografía ficcionada de Federico García Lorca.