Publicado o

Chan da Pólvora rescata os ‘Cadernos persoais’ de Lois Pereiro no seu 25 aniversario

 

Chan da Pólvora réndelle homenaxe a Lois Pereiro no 25 aniversario da sua morte –24 de mayo de 1996– coa publicacióm dun conxunto de cadernos inéditos que nos descubren novas perspectivas do seu proceso creativo e nos devolven a atmosfera fascinante dun poeta que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía. O libro, con edición e notas de Hector Cajaraville, formará parte da colección Cova da Lontra e súmase aos actos que se lle renderán ao longo do ano. Precisamente, este martes día 16 –cuando cumpriría 63 anos–  o Ateneo Casino da súa cidade natal, Monforte de Lemos, comeza unha iniciativa de difusión no cancelo #LP25anos, que lle permitirá que todas as persoas subir un vídeo dun minuto onde reciten os versos do poeta. Entre outras personalidades da cultura, penduraranse intervencións de Manuel Rivas, Olga Novo ou Mercedes Peón.

A edición de Chan da Pólvora, baixo o título Cadernos persoais, ofrecerá un material prezado e descoñecido, cunha introdución do propio Cajaraville sobre o volume, sen dúbida unha das achegas máis importantes á efeméride.

O valor dos cadernos, cedidos pola familia, non é soamente documental ou biográfico, senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre o proceso creativo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social e que se convertiu, desde o Día das Letras que lle dedicaron en 2011, nunha das figuras máis admiradas e queridas da literatura galega recente.

Os textos que publica agora Chan da Pólvora, como subliña Cajaraville, “están extraídos de cinco blocs escritos polo autor entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel xunto con outros textos manuscritos inéditos. A maioría das anotacións que os compoñen están realizadas coincidindo coas múltiples viaxes que realizou por diferentes países europeos (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 (regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel) que contén apuntamentos realizados entre os meses de xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois”.

Trátase, en definitiva, dun material heteroxéneo no que poden atoparse anotacións “a xeito de diario íntimo” ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, “pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes”, mesmo “sentenzas non exentas de enxeño e humor”.

Sen dúbida, estamos ante un volume que permite revisitar, en todo o seu esplendor, o característico e engaiolante Mundo Lois.


 

Publicado o

Ana Romaní: Poesía contra “beizos cosidos”

“Os beizos cosidos é a figura da imposibilidade de dicir, mais tamén a do castigo e a da censura, o que non debe ser dito. O acto de radical rebeldía é tensar o fío, abrir os labios, sabendo que ese tirar da carne producirá unha dor extrema e se cadra no propio acto inscríbese o fracaso ao que está destinado, e aínda así aí está a urxencia da voz”. Estas palabras de Ana Romaní están extraídas da entrevista que esta fin de semana (13 de febreiro de 2021) publicou Sermos Galiza, o suplemento semanal de Nós Diario, sobre a aparición de A desvértebra, o último libro da autora, que editou Chan da Pólvora. Na entrevista, realizada por Montse Dopico, Romaní tamén fala de xornalismo cultural, que “agás resistentes excepcións, desaparece silenciosamente entre tanto altofalante”, subliña.

Acceso ao artigo


 

Publicado o

Román Raña esculca os metabolismos do poema no último libro de Ana Romaní

O crítico litrerario e escritor Román Raña asegura na súa colaboración para Faro da Cultura–suplemento publicado cada xoves por Faro de Vigo– que A desvértebra de Ana Romaní “é un libro singular e conmovedor. Estraño porque nel emprende unha viaxe ás diversas formas de vida que se ocultan no solo e no subsolo. Así, o poema é concebido como un metabolismo, coa súa propria forza interior que adopta e se adapta á súa propria forma interior. Os suxeitos poemáticos van desde os organismos unicelulares até seres de maior complexidade. A poeta visibiliza e dá vida ao que cremos inerte, fala do inefábel. Tamén da nosa condición de finitude, da nosa fraxilidade como especie”.

Continúe lendo Román Raña esculca os metabolismos do poema no último libro de Ana Romaní

Publicado o

Roberto Varela: “Os ataques que recibía sendo conselleiro doéronme moito. Sentinme só e incomprendido”

A publicación de O tempo que vivimos de Roberto Varela converteuse nun fenómeno periodístico nas últimas semanas. O libro, publicado por Chan da Pólvora Editora na colección Onsa de proxectos externos, é unha caste de autobiografía en imaxes deste diplomático que durante dous anos foi conselleiro de Cultura da Xunta no primeiro goberno de Núñez Feijóo. Desa experiencia fala, precisamente, na última entrevista que concedeu, realizada por Montse Dopico e publicada este domingo (sete de fabreiro de 2021) no xornal dixital Praza Pública. E é que Varela non só fai un apaixonante percorrido pola actualidade (a súa vida nun París confinado) senón que tamén esfaragulla as súas impresións á hora de realizar o libro e revisita o escenario político no que aterrou en 2009.

O tempo que vivimos é un libro que nos conduce a través de visións sempre inquietantes, de gran profundidade emocional, cun discurso que non oculta as caras menos compracentes nin se recrea nas máis liviás. Ás veces aparecen labirintos, os trampaollos e as estradas que semellan perderse en sitio ningún. Son reflexos que nos hipnotizan na súa beleza ou son masas que nos estremecen no silencio da súa violencia. E case sempre, como un sedimento, está a soidade, as escintilacións, a vida…

Para ler a entrevista completa: https://praza.gal/cultura/os-ataques-que-recibin-sendo-conselleiro-doeronme-moito-sentinme-so-e-incomprendido-non-entendia-nada

 


 

Publicado o

A entomoloxía forense de Ana Romaní na crítica de Inma Otero Varela

A desvértebra anosa un mundo en descomposición, o noso. Aínda que a temática da identidade que smorece non é nova, si o son a materialidade impactante coa que se presenta a putrefacción e a distancia propia de quen observa desde a asepsia da ciencia”. Así escribe Inma Otero Varela na súa crítica a A desvértebra, de Ana Romaní, título publicado por Chan da Pólvora. “A osteoporose”, engade Inma Otero no seu comentario publicado esta semana (día seis de febrero de 2021) no Sermos Galiza, non é só unha metáfora. Tampouco a natureza, outra constante na autora, é o refuxio idealizado do indómito e da liberdade. Agora cómpre reparar no rillar miúdo da couza, no murmurio dos liques e dos fungos, nas colonias de bechiños (…). Rincha a madeira que podrece, igual que a carne. Québranse os ósos. É o momento da entomoloxía forense mentres aínda cheira a humidade. As vexigas infectadas supuran en case todas as páxinas e xa só hai vida na fermentación e na terra mollada, no subsolo”.

Para a crítica, poderíase pensar que “esta desaparición tanxible” abrigue a só contorna pero non é en realidade a cultura galega a única “res morta que colga do gancho. O desxeo é un proxecto global, este si, que conta con instrucions oficiais (…) para institucionalizar a depredación”.

Poderiamos pensar, engade, “que estamos ante a nada que preludia o cadáver. Pero áinda trema a vida nos substartos, no humus, coa frecuencia da alta rabia. E é cativador meter a man na terra, aínda que sexa con chagas”. Porque no libro de Ana Romaní –conclúe Inma Otero– “ademais de bio tamén hai política”.


 

Publicado o

Manuel Xestoso celebra o regreso de John Berger a Galicia con ‘Ferrovías’

“Un raro e delicado volume no que se mesturan o íntimo e o histórico, o poético e o social”. Desta maneira define o escritor e crítico Manuel Xestoso o volume Ferrovías, un traballo de John Berger e Anne Michaels que acaba de publicar Chan da Pólvora Editora na súa colección de tradución O Río. Martín Veiga fui o encargado de poñer en galego as palabras dos dous escritores, acompañadas nesta edición polas fotografías de Tereza Stehlíková. O texto, esplícalle Veiga a Xestoso no artigo aparecido en Nósdiario, “está percorrido por grandes metáforas: o tempo, a memoria e o tránsito. O ferrocarril actúa como eixo arredor do cal xorden esas ideas e axuda a ver eses movementos desde un punto de vista macrohistórico –as migracións– e tamén desde un punto de vista máis íntimo, como o dos amantes que se achegan ás estacións para atoparse no medio dunha multitude. Esa trenzamento entre o histórico e o persoal vai vertebrando todas estas ideas dunha forma nada forzada e moi natural”.

Podes ler o artigo completo neste enlace: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/john-berger-volve-galiza/20210203172327115080.html