Publicado o

‘A desvértebra’, de Ana Romaní, convértese no mellor libro de poesía do ano

A desvértebra, un título editado por Chan Pólvora que significou o regreso de Ana Romaní á poesía tras case unha década de silencio, foi aclamado onte  [sábado, 15 de maio] como o mellor libro de poesía do ano 2020, dentro dunha gala organizada pols Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación Libreiros de Galicia. A gala tivo lugar no Teatro Principal de Compostela, conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.  Outro título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, converteuse tamén no libro mellor editado do ano por ser, segundo o xurado, unha “edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”.

A desvértebra [que pode verse, segundo o xurado como “unha reacción contra a sociedade do espectáculo, mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”] supón un xiro revelador na obra de Ana Romaní, que lle descubre ás lectoras e lectores novas vertentes e expresións dunha voz que xa é, en por si, unha das máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.

A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. Na desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.


 

Publicado o

‘nós outras’, de Marica Campo e Menchu Lamas, elixido o libro mellor editado do 2020

Un título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, foi elixido o libro mellor editado do 2020 pola súa factura “case artesanal na que todas as pezas encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”. O premio que se lle entregou a Chan da Pólvora recolleuno Marica Campo durante unha gala anual celebrada este sábado [día 15 de maio] no Teatro Principal de Santiago de Compostela, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Libreiros de Galicia. É a primeira vez que Chan da Pólvora consegue o galardón de edición. “En nome de todas as persoas que facemos posible Chan da Pólvora [dixo Marica Campo en representación da editora], querémosvos agradecer apoiar o noso proxecto. Non o consideramos só un recoñecemento á xente que intentamos facer de cada libro unha experiencia única, senón tamén unha posta en valor das persoas que están apostando pola supervivencia editorial do país, empezando polas subscritoras e subscritores de Chan da Pólvora e continuando polas autoras e autores que nos ofrecen a súa confianza, os lectores e as lectoras que recibides con estusiasmos os nosos títulos e, por suposto, as librarías. Tamén, a todas as editoriais coas que compartimos esta travesía. Grazas a Marica Campo, a Menchu Lamas e todos vós, por acompañarnos”. Nesa mesma gala, A desvértebra de Ana Romaní, tamén publicada por Chan da Pólvora, foi aclamado como o mellor libro de poesía do ano por ser “un libro e ofrece unha grande cantidade de lecturas e que, entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”.

nós outra é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. Estas páxinas tratan de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso. A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe excepcional e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano.

Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas polo cromatismo vibrante e un amplo abano de propostas simbólicas arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha luminosidade sorprendente, perfectamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia. 


 

Publicado o

A poesía da Nobel americana Louise Glück chega ao galego da man de Chan da Pólvora

Louise Glück, a poeta recoñecida o pasado 2020 co Premio Nobel de Literatura, chega ao galego da man de Chan da Pólvora, que publicará tres títulos da autora nos próximos meses. O primeiro volume é Noite fiel e virtuosa, o máis recente da poeta, que as lectoras e os lectores poderán ler a partir de xuño. Samuel Solleiro foi o encargado de realizar a tradución da obra, á que seguirá no próximo outubro Winter recipes from the colective, un inédito que aparecerá simultaneamente en galego e en inglés.

Continúe lendo A poesía da Nobel americana Louise Glück chega ao galego da man de Chan da Pólvora

Publicado o

Lois Pereiro en estado puro

Abastou unha semana nas librarías para que os Cadernos persoais de Lois Pereiro –un conxunto de textos inéditos que o poeta escribiu sobre todo durante a súas viaxes por Europa– se convertese nunha das grandes referencias editoriais da temporada. Os medios fixéronse eco con amplitude da súa aparición e Dani Salgado realizou, para a edición galega de El Diario, unha ampla crónica que esculca as claves do volume, publicado da colección Cova da Lontra con edición a cargo de Héctor Cajaraville e textos de dúas das persoas que acompañaron a Pereiro nas súas travesías, Fernando Saco e a súa irmá, Inés Pereiro.

Para ler a crónica completa:

https://www.eldiario.es/galicia/politica/cadernos-ineditos-do-poeta-post-punk-eu-son-l-pereiro-proximo-cadavre_130_7829525.html


 

Publicado o

‘Outlet’, o último libro de Antón Reixa, preséntase o xoves día 20 na libraría Cartabón de Vigo

Outlet, o libro de poesía de Antón Reixa que publicou Chan da Pólvora, preséntase o xoves 20 de maio ás oito da tarde na libraría Cartabón de Vigo. Será só dous días antes de que o seu grupo de música Os Resentidos presenten no Auditorio do Mar de Vigo o seu primeiro disco de estudo desde 1993, titulado Organización Nautilus. Será unha oportunidade única para reencontrarse cun dos activistas que revolucionaron os formatos culturais galegos das últimas décadas.

Despois dunha paréntese de creación poética e durante a convalecencia dun accidente que case lle costa a vida, Antón Reixa entra nun período intenso de escrita. Dese transo de marcada reflexión, e  partir de textos pre-existentes, xurden os poemas de Outlet, un libro que se nutre da racionalización do proceso creativo. O lévedo son distintos materiais pre-existentes ou o exercicio de memorialismo e autoficción que lle serviu para compactar o sobrecolledor Michigan / Acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma, onde revelou vertentes ata entón inéditas da sea obra literaria. A heterogeneidad formal e temática de Outlet ten que ver coa procura compulsiva dunha voz propia pero tamén coa incansable exploración dun artista que non renuncia á capacidade de observar o mundo desde os dispositivos do humor e coa complicidade da súa intelixencia.


 

Publicado o

Antón Reixa asina exemplares de ‘Outlet’ este sábado día 8 na Feira do Libro de Compostela

Tras unha longa temporada de silencio na poesía, Antón Reixa publicou en Chan da Pólvora Outlet, un libro que abre novas canles expresivas na súa obra pero que tamén recolle a froza carcaterística que o autor leva explorando desde hai máis de corenta anos. Este sábado oito de abril, Reixa asinará exemplares do poemario na Feira do Libro de Santiago de Copostela a partir das oito da tarde.

Continúe lendo Antón Reixa asina exemplares de ‘Outlet’ este sábado día 8 na Feira do Libro de Compostela