Publicado o

Ana Romaní presenta ‘Love me tender’ este 19 de novembro na libraría Pedreira

Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro] é o título do último libro de Ana Romaní, unha actualización do volume publicado en 2005 que agora se nutre con 24 poemas novos e unha Danza insurrecta, onde aparece un único poema visual. O volume preséntase na libraría Pedreira de Compostela ás oito da tarde o mércores 19 de novembro, nun mes que, precisamente, está dedicado á eliminación da violencia patriarcal. O acto, con espazo sonoro de Chus Silva, contará con María Xesús Nogueira, autora que participa nas “Contornas” do libro.

Continúe lendo Ana Romaní presenta ‘Love me tender’ este 19 de novembro na libraría Pedreira

Publicado o

Elba Rey conversa en Numax con Antón Lopo arredor da vida de Uxío Novoneyra

Cando se cumpren 95 anos do nacemento de Uxío Novoneyra, a Fundación do poeta e a editorial Noudelo e Ribón recuperan A distancia do lobo, biografía que Antón Lopo publicou con Galaxia en 2010 coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado ao autor de Os eidos. O volume, revisado respecto da edición orixinal, preséntase ao longo deste mes en distintas cidades de Galicia. A próxima ocasión será o xoves 20 na libraría de Numax, en Compostela, a partir das oito da tarde, coa presenza de Elba Rey e de Branca Novoneyra.

Continúe lendo Elba Rey conversa en Numax con Antón Lopo arredor da vida de Uxío Novoneyra

Publicado o

Cita en Numax este venres 7 de novembro con Isolda Santiago, a escritora oculta

Houbo unha poeta nos anos noventa que cativou tanto a crítica como aos lectores, unha muller que traballaba de periodista en Lalín, que asinaba como Isolda Santiago e que nos ofreceu algúns dos versos máis memorables da década, con títulos inesquecibles como Flor de tan mal xardín. De súpeto, aquela muller de poemas escilantes despareceu e atrás deixou un ronsel de lenda que case trinta anos despois eclosiona de novo con Escrita oculta, poemario que permanecía inédito desde 1997 e que ela refunde con outro libro posterior -tamén inédito- nun volume apaixonante, conmovedor e irónico. O próximo sete de novembro -venres- preséntao a partir das 20 horas na libraría de Numax, en Compostela, xunto á periodista Carme Vidal.

Continúe lendo Cita en Numax este venres 7 de novembro con Isolda Santiago, a escritora oculta

Publicado o

Miguel Cavadas presenta o seu ‘himno nacional’ á Coruña e a Cangas

Miguel Cavadas presenta esta semana na Coruña e Cangas o seu libro himno nacional, último premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, que edita Chan da Pólvora na súa colección [elba]. A libraría Moito Conto acollerá este xoves día 11, a partir das sete da tarde, a conversa do autor con Ana Varela. Logo, o sábado día 13, Cavadas conversará na libraría Wells de Cangas con Antón Lopo sobre este libro, unha nova e reveladora achega da poesía galega ao fenómeno da nova emigración.

himno nacional nace da experiencia de Miguel Cavadas no tecido social e laboral dos Estados Unidos. En tensión co “eu” que reclama a súa existencia desde Galicia, aparece un novo “eu” gorecido nunha liberdade enganosa nunha contorna voraz que o capitaliza todo. Trátase, como se observa desde os primeiros versos, dun texto sobre a nova emigración e que evidencia as fallas dun sistema forxado desde a precariedade dunha xeración enteira. Nun mundo globalizado (ou se cadra “americanizado”) que deslocaliza o traballo, Miguel Cavadas ve despuntar axiña o perigo de non estar nin aquí nin alá, no perigo da errancia permanente. “No caso de Galicia”, asegura, “vólvese case unha carga xenética” que el resolve nun diálogo coa emigración previa e tamén coa latinoamericana.

Como compoñer o himno dunha colectividade en tránsito? Como forxar vínculos sólidos nun mundo flutuante? Como confiar aínda no futuro? Estas son algunhas das preguntas que impulsaron a creación de himno nacional e que Cavadas responde cun estilo tan diáfano como implacable. Ao final, vén dicir o autor, o único que queda é o amor como xeito de construír fogar en lugares onde semella que non podería habelo.

Miguel Cavadas (Vigo, 1996) é escritor, guionista e creador escénico. Estudou Filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles cunha Beca La Caixa para formarse en escrita cinematográfica. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos e o Díaz Jácome. Coa compañía de creación colectiva Faísca Teatro estreou dúas montaxes premiadas no Xuventude Crea. En Estados Unidos, foi finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program e formou parte do equipo da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. De volta en Galicia, compaxina a creación literaria coa súa carreira como guionista.


 

Publicado o

Miriam Reyes, a autora de ‘Sardiña’, recibe o Premio Nacional español de Literatura

Miriam Reyes, a autora de Sardiña, un dos primeiros libros publicados por Chan da Pólvora, recibiu o Premio Nacional de Literatura en España, como recoñecemento ao seu recente poemario Con, que puido verse representado en Galicia na última edición do festival Alguén que respira!, en Compostela, co acompañamento dunha soprano e varios músicos. Sardiña é, de momento, o seu único libro en galego, unha entrega de excepcional valor simbólico que lle permitiu reencontrarse coa súa lingua nai após anos de distanciamento.

En agosto de 1983, cando ten oito anos, Miriam Reyes emigra cos seus pais desde o Ourense natal a Caracas, unha viaxe que rompe a conexión das súas raíces e a envolvencia do idioma no que se criara. Desde entón, intentou escribir en galego para referirse á experiencia da emigración sen que ningún proxecto callara. Porén, trinta e cinco anos despois daquela dolorosa ruptura, xurde Sardiña, onde Miriam Reyes, a través da figura do seu avó, reflexiona sobre unha lingua que non é sua e, ao tempo, si o é. Un traballo de grande forza literaria que documenta o seu achegamento á escrita en galego, as súas limitacións e as frustracións dese proceso. Trátase dun dos libros máis sorprendentes e lúcidos que se escribiu nas linguas da nosa contorna sobre a emigración, temática á que logo se uniron, precisamente en Chan da Pólvora, títulos como Todos os lonxes de Breogán Torres e himno nacional de Miguel Cavadas.

O libro só pode adquirirse a través da web de Chan da Pólvora, na lapela de Libraría.


 

Publicado o

Andrea Nunes e Miguel Cavadas levan os seus poemas á feira do libro de Monforte

 

 

 

 

Andrea Nunes Brións e Miguel Cavadas levarán á Feira do Libro de Monforte de Lemos os seus poemarios Mapa da estría e himno nacional, dous dos títulos de maior repercusión desta temporada na poesía galega. Con este acto, que terá lugar o xoves día 21 a partir das oito da tarde nas carpas da Rúa do Cardeal, Chan da Pólvora renova así o seu compromiso coa feira monfortina, á que asiste desde hai unha década mediante recitais dalgúns dos poetas incluídos no seu catálogo con maior repercusión literaria. 

Continúe lendo Andrea Nunes e Miguel Cavadas levan os seus poemas á feira do libro de Monforte