‘Tempo fósil’, o sensacional regreso de Pilar Pallarés que lle deu o Premio Nacional de Poesía

Tras case dez anos de silencio, Pilar Pallarés regresa á poesía e faino cun libro sensacional, Tempo fósil, que lle valeu xa o Premio da Crítica Española e o Premio Nacional de Poesía.  Tempo fósil sacode e emociona a partes iguais, escrito coa contundencia e eficacia dunha das autoras máis admiradas de Galicia. Pallarés comezou a escribir Tempo Fósil a finais de 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro levou por diante a casa familiar, que o seu pai construíra coas propias mans. O libro medrou arredor da destrución do lugar, da familia e da imposibilidade de deixar pegadas indelebles. Máis que unha indagación na nostalxia, estamos ante un libro sobre o tempo, obsesión dunha autora que contempla e sente a aniquilación como extinción colectiva. Continúe lendo ‘Tempo fósil’, o sensacional regreso de Pilar Pallarés que lle deu o Premio Nacional de Poesía

O poeta balear Pau Vadell golpea a linguaxe no seu explosivo libro ‘Coas costas dobradas’

Pau Vadell, a voz máis admirada da poesía balear, chega por vez primeira ao galego da man de Chan da Pólvora Editora e con tradución do tamén poeta Gonzalo Hermo. O libro, titulado Coas costas dobradas (Esquenes vinclades), converteuse nunha referencia actual ao conseguir un dos máis prestixiosos galardóns da lingua catalá, o dos Xogos Florais de Barcelona, no ano 2017. Trátase dunha aposta de Chan da Pólvora por un poeta que ensaia novas formas de enfrontarse ao eu e á colectividade, cunha lingua poderosa e un verso aceirado, onde o brillo é tan intenso como a súa contundencia. Coas costas dobradas agroma nos intersticios dunha realidade onde o desexo é o único código de comunicación posible. Escrito con paixón, co sangue a vibrar e a pel estremecida, este libro explora a experiencia dunha Mallorca xentrificada onde, con todo, aínda é posible admirar a beleza dun ceo estrelado en Calonge, o mar batendo contra os cons unha tarde de vento. Vadell foi gañador con este libro do prestixioso premio Jocs Florals de Barcelona en 2017, que o confirmou como un dos nomes imprescindibles da nova poesía en catalá. Continúe lendo O poeta balear Pau Vadell golpea a linguaxe no seu explosivo libro ‘Coas costas dobradas’