Publicado o

Paula Luís pecha ‘Dendrita’, a próxima publicación de Chan da Pólvora

Paula Luís pechou esta semana Dendrita, o seu primeiro libro, que publicará en xuño Chan da Pólvora Editora. Dendrita é unha obra impactante, onde Paula Luís explora os labirintos da identidade, o funcionamento da mente e o xesto poético. A forte personalidade da autora reflíctese nun texto que non deixará indiferente a ninguén, sorprendente na sua concepción e na súa insólita proposta. Poucas veces un libro de poemas accede a espazos tan singulares da profundidade humana como Dendrita. Nacida en Vigo en 1981, Paula Luís estudou medicina chinesa e procesamento forestal. Despois de pasar unha longa temporada en Cataluña e transitar por Compostela, vive actualmente en Freixeiro, unha parroquia de Santa Comba. Traballa no ámbito agrícola. Asegura que unha das cuestión que más lle interesan é a neuroloxía.

Foi no ano 2017 cando fixo os seus primeiros poemas, ainda que levaba xa algún tempo ensaiando coa escrita. No outono dese ano, ao instalarse en Galicia comezou a aprender a técnica do poema nos obradoiros de Apiario e de Estibaliz Espinosa, poeta que lle interesaba especialmente pola sua conexión coa ciencia. Asegura que na súa poesía está o pouso do tempo que pasou lendo  a Pizarnik, Pessoa, Peri Rosi ou Chantal Maillard, que se convertiu nunca especie de guía co seu extenso traballo sobre a mente.

“A niña intención”, asegura, “é crear un rexistro escrito do meu proceso persoal, utilizando a linguaxe poética.
Eu son a que habita a constante incerteza, o animal humano que non acada a identificarse como animal social, pero completamente filántropo. A obsesión por aprehender un anaco desa incerteza para convertila en historia con forma de poema. Será a historia que conte a que me destrúa?”