Publicado o

Pilar Pallarés reúne a súa obra en ‘Unha escriba’, un dos grandes acontecementos poéticos do ano

A miña voz che entrego como un templo para que nel acougues e descanses”. Estes versos, pertencentes ao libro Entre lusco e fusco de 1980, abren Unha escriba, onde Pilar Pallarés reúne a súa poesía. É case medio século dunha traxectoria que nos ofreceu títulos de culto como Libro das devoracións ou Tempo fósil. “A vida só é máis vida / se o pensamento vén e se dá en éxtase”, escribe xa ao final dun volume que inclúe poemas dispersos e que, dese xeito, ofrece unha panorámica única para coñecer unha autora decisiva na poesía galega contempóranea.

A finais dos anos setenta, Pilar Pallarés coñeceu a Isabel Balaca , que era a secretaria do director de La Voz de Galicia. A través de Balaca entra nos faladoiros de Paco Pillado e dos Dieste na Coruña, que crean unha argallada para que Luís Seoane escoite os seus poemas. Seoane queda fascinado e decide publicarllos en Edicións do Castro. Porén, unha semana despois, o mesmo día da homenaxe póstuma a Lorenzo Varela, onde ela debía ler uns poemas, chámana por teléfono e comunícanlle que Seoane acaba de morrer. Dese xeito, serán Isaac Díaz Pardo, Maruxa Seoane e Marino Dónega os encargados de que se edite Entre lusco e fusco, a súa estrea poética, inicio da traxectoria dunha poeta que, dalgún xeito, sinala un paso decisivo na literatura galega contemporánea.

Unha escriba é a proxeción desa voz poderosa de Pallarés, un volume onde descubrimos a oroxénese –asombrosa– dunha obra que ispe a palabra pero preserva nela a beleza da mergulladora que chega ao abismo para salvar e salvarse. Ou se cadra, para morrer. “A beleza que realmente conmove”, asegura a autora, “nace da morte. Non hai arte sen a experiencia, a antecipación, ou a adiviñación da dor. Só ela é capaz de nos espir, de nos destruír e luír para nos enviar de novo á superficie, máis libres, xa sen máscaras, dicindo palabras que non poden mentir”.

Unha escriba non só recollle os seus poemarios –Entre lusco e fusco (1980), Sétima soidade (1984), Livro das devoracións (1996), Leopardo son (2011), Tempo fósil (2018) e Contra humana parte (2025)– senón que inclúe un apartado –titulado Certos poemas– con textos espallados e recollidos por vez primeira nun volume. Deste xeito, estamos ante unha oportunidade única de adentrarnos na panorámica dunha obra fundamental na historia literaria do país.

Pilar Pallarés

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) é unha das voces máis admiradas da poesia galega, ademais de ensaista e profesora de Lingua e Literatura galega. Autora de ensaios como rosalía: unha lectura feminista (1985), Literatura do século XX (1988), Rosas na sombra. A poesía de Luís Pimentel (1991) Ricardo Carvalho Calero: a dignidade persoal (1994), en colaboración con Laura Tato, e Rafael Dieste (1995). A súa obra poética foi recoñecida, entre outros, co Premio Esquío (1983), co Premio da Crítica Española (1996 e 2018) ou Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2012). Outras obras de Pilar Pallarés son Fillos de Eva. 88 poemas de Ricardo Carvalho Calero (1992), Beleza, verdade. Escolma poética de Carvalho Calero (2019), Así vou eu formando parte. Escolma poética de Luísa Villalta (2024), en colaboración con Eva Veiga. Poesía inédita e dispersa (2024), en colaboración con Miguel Mato. No ano 2023 publica o libro de poemas para crianzas Unha boa gatucada. En Chan da Pólvora, ademais dos seus traballos sobre Carvalho Calero e Luísa Villalta, publicou Tempo fósil, que lle valeu o Premio Nacional de Literatura en 2019.lberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) é escritor e filólogo. Autor das novelas Unha puta percorre Europa (2008), Sidecar (2009), Da Máquina (2012) e Pazo de inverno (2021), publicou tamén os poemarios Plan de fuga (2008) e Crónica do chan (2014), ademais de numerosos artigos sobre cuestións culturais e políticas en diversos medios. Traballa na Real Academia Galega e foi concelleiro na Coruña entre 2015 e 2023.