Publicado o

‘Radiante’ de Darriba preséntase o 18 de novembro en Pedreira con Daniel Salgado e Anxos Sumai

Radiante, o último poemario de Manuel Darriba, preséntase o vindeiro venres 18 de novembro na libraría Pedreira de Compostela, nun acto que comenzará ás 19.30 e que contará coa participación de Daniel Salgado e Anxos Sumai en representación de Chan da Pólvora, editora dun volume realmente intenso e fermoso.

Radiante é, sen dúbida, o poemario de Darriba que con máis forza explora na materia poética. Durante o proceso de composición da obra, que se prolongou varios anos, o autor sentiu que traballaba unha materia dura, pedra ou madeira, para extraer da masa informe fragmentos de discurso estructurado. En moitos casos, os poemas empezaron como gromos de escritura automática (ou case) que cobraron forma e sentido no proceso de creación. “Toda peza de arte acabada”, asegura o autor “é unha estación de destino cunha viaxe moi longa. A poesía pode ser complexa, pero nunca o é tanto como a vida”.