Publicado o

‘Radiante’, un libro obxecto para irradiar o último poemario de Manuel Darriba

Manuel Darriba (Sarria, 1973)  non só é autor de exitosas novelas como O bosque é grande e profundo (2013) ou guionista dalgunhas das series máis populairs da TVG como Serramoura. Tamén escribe poesía e Radiante é o título da súa entrega máis recente. Publicada por Chan da Pólvora Editora nunha coidada edición, cun formato de libro obxecto tan deliciado como escintilante, Radiante chega precisamente esta semana ás librarías.

Chan da Pólvora fai unha aposta decidida este outono e presenta cinco títulos de forte pegada, entre eles Radiante, o último poemario de Manuel Darriba, un dos autores máis admirados da literatura galega actual. Canda el e da man de Chan da Pólvora chegan tamén estes días ás librarías Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) de Marta Dacosta; a reedición de Os teus dedos na miña braga con regra, o máis provocador libro de Lupe Gómez; o debut de Iago González, O lugariño, e A falta dun Edén, a terra, o primeiro libro da activista e slamer Mercedes Martínez Modroño.

Tendo en conta que a versión final de Radiante, e a súa publicación, coinciden cunha etapa na vida do autor especialmente dura, chea de dores e de incertezas, o título do libro pode parecer irónico. Pero “radiante” significa tamén “luminoso”, e o autor confía en que estes poemas irradien certa luz; aínda que sexa deliberadamente turbia. Durante o proceso de composición da obra, que se prolongou varios anos, o autor sentiu que traballaba unha materia dura, pedra ou madeira, para extraer da masa informe fragmentos de discurso estructurado. Sentiuse máis escultor que escritor. En moitos casos, os poemas empezaron como gromos de escritura automática (ou case) que cobraron forma e sentido no proceso de creación. “Toda peza de arte acabada”, asegura “é unha estación de destino cunha viaxe moi longa. A poesía pode ser complexa, pero nunca o é tanto como a vida”.

Manuel Darriba (Sarria, 1973) é poeta, narrador e guionista. Estudou Xornalismo e Filosofía, exerceu de reporteiro (en xornais como El Progreso de Lugo, El Mundo ou El País) e codirixiu a axencia Transmedia, editora de revistas especializadas. É autor dunha quincena de obras, entre as que figuran novelas coma Velada do billarista, Accidental ou O bosque é grande e profundo, o libro infantil Brais e os demais e poemarios coma Os indios deixaron os verdes prados (Premio González Garcés).  Dende o 2011 traballa como guionista audiovisual en series como Serramoura, vertente do seu traballo que desenvolve para distintas canles e plataformas, ademais de ser autor de proxectos propios en series ou no cine.