Publicado o

Reixa presenta ‘2ª man’, o seu novo libro, o martes 28 en Compostela xunto a Henrique Monteagudo

Antón Reixa leva case cincuenta anos explorando polas físguas que achegan a poesía á performance e 2ª man, o libro que agora publica Chan da Pólvora representa talvez a mostra máis nítida da súa xa longa peripecia de aproximación. Reixa presentará 2ª man o vindeiro día 28 de novembro, martes, a partir das 19 horas, na libraría Cronopios de Compostela en compaña de Henrique Monteagudo. Trátase do segundo título do autor no catálogo da editora, despois de que no ano 2020 aparecese Outlet, un dos libros clave na traxectoria recente dunha figura que, como poucas, definen a poesía galega desde os anos oitenta.

2º man xorde da mirada asombrada do poeta sobre a paisaxe urbana e informativa. Nese sentido,  foi inicático o poema Non odias os luns, odias o capitalismo, que serviu de manifesto para a edición 2022 do festival Alguén que respira!, e ao mesmo tempo a visión dun home vestido de azul que durante meses, e á mesma hora, pasaba todos os días diante da súa casa con paso apurado e uns auriculares. A mais do enigma que suscitaba esta recorrencia, a acción transmitiulle a disciplina de escribir algo sobre el durante varios días seguidos. O libro inclúe imaxes da performance Acción Anakoluto, onde Reixa aparecía maquillado de negro e imitaba a mímica dos tradutores en lingua de signos. Baéase nun feito real que chegou ao autor na marea de paisaxe informativa: durante os funerais de Nelson Mandela, retransmitidos internacionalmente, camuflouse un psicótico que se fixo pasar por tradutor para xordos profesional e acabou traducindo disparates inconexos.