Publicado o

Séchu Sende presenta este domingo 17 de agosto ‘Passa-montanhas’ no Courel

Este domingo 17 de agosto ,o escritor e regueifeiro Séchu Sende fará un lanzamento do seu último libro Passa-montanhas no Corurel. Será a partir das 19.30 horas na Casa da Manuela, en Ferramulín. O libro, editado por Chan da Pólvora, reúne máis de sesenta textos que orixinalmente son pezas audiovisuais realizadas para a rede social Tiktok, com mais de sesenta persoas. O fío de unión é o pasamontañas que lle dá título.

Trátase dun libro con poemas que distintas persoas leron cos rostros tapados en curtas de vídeo coa intención de reivindicar as relacións sociais e humanas fronte ás redes virtuais. Con Passa-montanhas, Sende busca representar unha sociedade insubmisa, loitadora, activa, militante e rebelde. Para o autor, o passamontanhas é un símbolo contrahexemónico e poñelo significa participar dunha revolución poética.

Séchu Sende presenta o libro co lema “Poesía é revolución”, e no evento en Ferramulín reuniranse moitas das persoas que participaron no proxecto audiovisual e que aparecen no libro con cadanseu texto e fotografía con pasamontañas. De feito, o libro naceu en 2021 no contexto da loita cidadá contra a instalación de macroparques eólicos que impactarían no Courel

Passa-montanhas é “unha experiencia colectiva onde a poesía ten unha finalidade: ser comunicativa e crear comunidade arredor de múltiples temas de interese social ou íntimo”, subliña o autor. E, ao mesmo tempo, “unha forma de vivir a poesía desde a oralidade, máis alá da escrita, nun momento histórico en que dimensión oral é importante porque nos humaniza, reúnenos e crea comunidade. Mais alá das intelixencias artificiais e o mundo virtual, precisamos espazos para encontrarnos e a poesía sempre tivo esa función. Por iso este libro ten vontade de ser poesía popular ou poesía pop.”

“Se o primeiro Rexurdimento no século XIX foi escrito”, asegura o autor, “o segundo Rexurdimento, de chegarmos a activalo, debe ser oral e froito dun proceso real de participación colectiva”. Esa é, precisamente, a perspetiva sobre a oralidade que impulsa Passa-montanhas.

No lanzamento do libro participarán outras poetas da zona como a brindadora Tegra de Tras o Couto, Xesús Parada Jato, Vicente Reboleiro, e outras persoas vinculadas á Volta Grande do Courel, como as regueifeiras Estrela do Courel ou Maré a Muda.