Este 28 de xuño, cando entres nas librarías, atoparás unha plaquette soprendente: Tan puro, cinco poemas de Sor Juana Inés de la Cruz que Jesús Castro Yáñez puxo en galego nunha tradución engaiolante, onde a rima híbrida da autora, mestura de elementos barrocos e conceptuais, aparece reflectiva nunha delicada sonoridade. A plaquette lanzouna en edición numerada de 150 exemplares Chan da Pólvora como contribución á xornada reivindicativa mundial en defensa dos dereitos LGTBI+ e aparece dentro da colección Rabo de Egua, especializada en poesía vinculada a este activismo. O volume non é só un excepcional exercicio de tradución senón tamén unha oportunidade de achegarse á unha das maiores figuras da lírica barroca e da poesía hispanoamericana en xeral.
Son xa sete os títulos incluídos Rabo de Egua, colección onde poderás atopar textos de Ramón Suárez Picallo ou poemas de Federico García Lorca, Serafín Ferro, Brane Mocetic, Pau Vadell e Antom Fortes. Estamos, sen dúbida, ante un dos fitos da historia editorial galega.
Nacida filla ilexítima dun capitán español e unha nai criolla en San Miguel Nepantla (vicerreinado de Nova España, hoxe México), foi muller de inmenso e precoz talento para a lectura e a escritura, coñecementos aos que con fervor quixo consagrar a súa vida. Relixiosa máis por vocación intelectual que por convicción monástica, foi na orde xerónima onde atopou un lugar e un pretexto para dedicar a súa vida á erudición co apoio da condesa de Paredes e vicerraíña de México, María Luisa Manrique de Lara y Gonzaga (referida nos poemas baixo apelativos afectuosos como Lisi ou Filis), que sería a súa protectora, interlocutora e suxeito central de boa parte da súa obra escrita. Os poemas e retratos que lle dedica á vicerraíña poden ser comprendidos como panexíricos cortesáns ou claras expresións dunha relación lésbica, e posiblemente as dúas cousas sexan certas e ningunha diga toda a verdade. O que si é evidente nos poemas é a forza dun eu lírico feminino e virtuoso que crea o suxeito amado á medida da súa voz, que enuncia unha sede para non saciala e así coñecer máis a fondo —nunha espera desexada inesgotable— a anegada razón do seu ser.
Tan puro únese a Rabo de Egua, colección de Chan da Pólvora dedicada á diversidade das identidade, a única destas características que existe no estado español. O volume forma parte da campaña Libro do Orgullo Galego, que a editora realiza desde hai cinco anos dentro da reivindicación mundial en defensa dos dereitos LGTBI+. Con sete títulos xa en catálogo, pódense atopar en Rago de Egua, textos de Ramón Suárez Picallo e poemas de Brane Mocetic, Federico García Lorca, Serafín Ferro, Antón Fortes e Pau Vadell.
Jesús Castro Yáñez
Jesús Castro Yáñez [Baltar, A Pastoriza, 1992] publicou en Chan da Pólvora Ultramarino, volume incluído na colección Areal de Melide de propostas híbridas e tamén apareceu en 13. Antoloxía da poesía galega próxima, escolma de Chus Nogueira que apareceu en galego e castelán nunha coedición con Papeles Mínimos. Segundo as súas propias palabras, decidiu adentrarse na senda da poesía cando gañou –“por casualidade”, puntualiza– o Premio Minerva [2010], un galardón do que xurdiron nos últimos anos boa parte dos poetas que agora comezan a debuxar o horizonte do futuro da Literatra do país. “Coa poesía”, asegura o autor, “o que intento é converter as palabras en letras para poder dispoñer dun alfabeto infinito. Calquera poema é unha forma nova de dicir, con moitas palabras, algo que signifique non, ou vida, ou de chegar a dicir soño no que se está con moita xente vestida de gala nadando moito tempo no fondo dunha piscina só con unha. Un dos labores dun poeta é facer súas catro ou cinco palabras, e con elas poder dicilo todo, mesmo contradicirse”.