Libro da Ribeira Sacra [Emilio Araúxo]

22,00

Descripción


Obras como o Libro da Ribeira Sacra [Cinsa do vento], de Emilio Araúxo, conseguiron crear arredor da rexión silomiñota unha literatura tan inquietante e poderosa. Nela, con meticulosidade insólita, Araúxo reconstrúe as orografías, os perfís humanos e a historia da rexión: desde as montañas do Courel á Cabeza da Meda, de Quiroga á Peroxa, de Castro Caldelas a Monforte de Lemos ou de Pantón e Sober a Xunqueira de Espadañedo. Pero, sobre todo, está a atmosfera de Sacardebois, lugar do Concello de Parada de Sil no que o autor pasa longos períodos desde hai anos e no que foi levantando unha instalación de exhibición sobre a memoria silomiñota.
O resultado do esforzo é un libro que é máis que a cartografía da rexión dos dous ríos, máis que o espazo histórico dunha comunidade e do seu idioma. Máis que a voz dunha cultura extintiva que foi rescatada das augas e se nos ofrece plena e vívida, axitada aínda polo sorriso e a emoción vibrante. Estamos ante un poema que rotura a terra coas mans das xeracións e coa gloria da súa sabedoría. Un longo e readical poema no que Araúxo rastrexa os signos, os xestos, e encontra un territorio que ben puidera corresponderse coa totalidade do mundo, deste mundo nin noso nin tan local. A través del adentrámonos na crónica da pobreza, do abuso, da fame, do humor ou da memoria consecutiva, dos ritos da resistencia. Trátase, en fin, dunha tentativa de construción, mesmo precaria, de formas incertas que procuran maneiras alternativas de vivir e de pensar.


Emilio Araúxo [Coles, 1946] irrompeu na acción cultural pública a mediados dos anos noventa con Noitarenga, unha empresa editorial
que se centrou en verter ao galego a obra de pensadores contemporáneos, nomeadamente Alain Badiou, o seu mestre por excelencia. Nela apareceron, ademais de poemarios de distintos autores e autoras, Dos soños teimosos, esa longa entrevista con Uxío Novoneyra que se convertería no testamento do poeta courelao. A finais dos noventa, abandona Noitarenga e inicia Amastrangallar, unha editora non venal onde desenvolverá a cerna da súa exploración creativa: “sentir, con palabras desenterradas, que son un mediador entre os mortos e os que acaban de nacer. Os días son unha cinta que corre: esa é a auga da que bebo. Lentamente, o lume faise desaparición”, asegura o poeta. A súa obra resulta difícil de clasificar. Os lindes da poesía, da fotografía e da filosofía [a dimensión formal da que parte] conflúen nun ámbito conceptualmente difuso pero fisicamente nidio: o espazo. Palabra, imaxe e obxecto dialogan entre si nun laborioso discurso de liñas-verso: recolle a voz do outro, fragméntaa e móntaa de novo. É o que el denomina “efecto do poema”. O ser humano [cita a Badiou] “é un infinito de posibilidades e a ti correspóndeche darlle sentido”. Entre as súas obras, figuran os poemarios Pois (1998), As chairas da letra (1998) (1998) ou Seica si (2017). O seu ensaio máis recente titúlase Mal amor (Axóuxere, 2018).