A desvértebra [Ana Romaní]

16,00

Descripción

30-10-2020
9788494993114


Ana Romani levaba unha década sen publicar un poemario pero a espera pagou a pena porque A desvértebra  supón un xiro revelador na súa obra e descubre novas vertentes e expresións dunha poeta que xa é, en por si, unha das voces máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.
O libro chega acompañado dunha experiencia singular que a poeta desenvolve xunto a Chus Silva, músico e integrante do proxecto de electrónica musical Aparato, co que traballou nos últimos anos. Xuntos estrearon xa o pasado ano a peza “2% un recital para esquecer” no Festival Alguén que respira, do que forman parte como creadores de espazos sonoros.
A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. En A desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.


Ana Romaní (Noia, 1962) é unha das voces fundamentais da poesía galega das útimas décadas, con libros como Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) ou Estremas ( 2010). Tamén é unha figura fundamental do periodismo cultural des que en 1990 comezou a dirixir o Diario Cultural, programa de referencia no medio radiofónico que lle valeu un recoñecemento unánime, como o Premio Nacional de Periodismo Cultural do ano 2018. Activista, pensadora do feminismo, artífice de proxectos híbridos de expresión como o Laboratorio de indagacións Poéticas (LIPo) e dicidora brillante de poemas en títulos como Estalactitas (2002), Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002), A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003) ou 2% un recital para esquecer (2019), Ana Romaní autora de numerosos ensaios, entre eles Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas (2019).