Descripción
En A oseira, a escrita de Antón Blanco refuga artellar un suxeito discursivo que dea conta de si mesmo e transfórmase no guía inquietante dun percorrido alucinado polos espellos da desfeita. Podemos contemplar os escenarios (as batallaas e os naufraxios) sen retirar a vista cun aceno de pavor ou de beleza, pero xa nunca esqueceremos a descomposición da carne no óso antes de que o óso sexa un campo de mapoulas. O poema detense no ritmo acelerado da deflagración para dar conta de que o que queda do conflito non son os restos, son testemuños.
Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996) descubriu a poesía no impacto de Lois Pereiro, cando lle dedicaron o Día das Letras Galegas no ano 2011. Desde entón, non deixou de buscar novas expresións á súa voz e de tratar de entender os mecanismos da súa sintaxe. Músico de forma colateral (foi batería do grupo Bordeline79 e actualmente de Atrás Tigre), Antón Blanco desenvolve co pianista e poeta Afonso Traficante a proposta Canine, un experimento musical de poesía sen palabras. O seu primeiro libro, A oseira, que inaugurou a colección de referencia de Chan da Pólvora Editora, converteuse nun dos grandes acontecementos poéticos do ano, un libro turbador que se detén no ritmo acelerado da deflagración para dar conta de que o que queda do conflito non son os restos senón os testemuños. É estudante de Grao en Lingua e Literatura Galegas da USC.