chairas sucesións [Oriana Méndez]

19,00

Descripción

10-09-2023
978-84-126863-6-4


chairas sucesións é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chaira sucesión, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia.
A chaira, é dicir, o encontro, adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas. O volume conta cun posfacio de Maria do Cebreiro, quen subliña que estamos ante “un libro sobre o amor e sobre as escuridades do amor, que son a condición de posibilidade dos seus pro- pios recomezos”. Trátase, engade María do Cebreiro, dunha “ocasión para o reencontro coa mellor tradición de pensamento poético, político e amoroso do novo século. Aquela que, como na ética de Alain Badiou, atopa na arela de infinito a única contestación posible ao capital. Ante a finitude das cousas, é a apertura aos outros a que nos salva. Ao tempo traducible e intraducible, a comunidade dos amantes de Oriana Méndez impónsenos como un fondo desexo de verdade”.


Oriana Méndez
Oriana Méndez (Vigo, 1984) publicou os libros de poesía Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (XVII Premio de poesía do Concello de Carral, 2015), O corazón pronúnciase extenso (V Premio de Poesía Rosalía de Castro, 2019) e Interna (XVIII Premio de Poesía Afundación, 2020).Forma parte, entre outras, das escolmas Anthology of Galician Literature (1981-2011) – Antoloxía da Literatura Galega (1981-2011) (Galaxia, Xerais, Xunta de Galicia); Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra); 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora – Papeles Mínimos) ou Poesía bajo sospecha. Españolas nacidas entre 1976 y 1993 (Animal Sospechoso). Traduciu, do francés ao galego: O amante, de Marguerite Duras (Kalandraka, 2020) e Fragmentos dun diario do inferno, de Antonin Artaud, en Dorna. Expresión poética galega, 2020