O mundo dos vivos [Samuel Solleiro]

18,00

Descripción


Poucos libros resultan tan conmovedores como O mundo dos vivos, o regreso de Samuel Solleiro á poesía doce anos despois de escribir Punk, un título de culto para toda unha xeración de amantes do verso.

Samuel Solleiro non tiña claro que volvese publicar achegas propias ata que no ano 2017 debeu seleccionar varios inéditos para a antoloxía 13, realizada por María Xesús Nogueira e coeditada por Chan da Pólvora xunto a Papeles Mínimos, a editorial madrileña dirixida por Imanol Bértolo. Solleiro remexeu nos cartafoles remotos do seu ordenador, onde estaba o pouco que escribira nos últimos anos, e enfrontouse de repente á carnalidade daqueles textos case esquecidos. Foi, para el, unha experiencia dolorosa e, ao tempo, necesaria. Tanto que ao cabo dunhas semanas volveu escribir, aínda que fose como quen aprende a andar despois de poñer unha perna ortopétida. O resultado é O mundo dos vivos, un libro contra a significación excesiva e o risco de que as metáforas devoren o mundo. Un libro que propón unha maneira sorprendente de abordar o poema nun momento en que resulta necesario, máis que nunca, transitalo por camiños sen trillar.
Solleiro constrúe un texto sobre a posibilidade de volver ser o que unha vez se foi e sobre a fascinación de estar aínda sobre a terra, cuestións estas que converten O mundo dos vivos nun dos regresos máis escintilantes da poesía galega última, un poderoso e emotivo
exercicio de amor atroz pola vida.


Samuel Solleiro (Tui, 1982) volve con O mundo dos vivos á poesía doce anos despois de escribir Punk, o seu poemario de xuventude. O libro afianza a súa sona de loitar contracorrente, acadada xa na narrativa, e confírmase como un escritor de gume afiado, capaz de irromper na lectura do poema con descargas de inxenio. Os seus recitais, aos que volveu despois de ser incluído en 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora Editora / papelesmínimos, 2017), son unha prolongación do traballo no grupo Ataque Escampe, do que é guitarrista. Tradutor de profesión, licenciado en Antropoloxía e Filoloxía, Solleiro publicou sobre todo narrativa, xénero no que figuran títulos como Dz ou o libro do esperma (2006) e Gran tiburón branco (2012).