Outroutro [Jesús Castro Yáñez]

19,00

Descripción

01-04-2025


O autor traballou oito anos nesta proposta e o resultado é unha obra tan fermosa como misteriosa.

Jesús Castro caracterízase pola radicalidade e nese camiño que tracexa a súa obra aparece Outroutro. Estamos ante un libro no que o autor traballou oito anos e que el concibiu como un espello ou, se se prefire, como un ourívoro. Quería que Outroutro fose máis textura que texto. Quería
que estivese fóra do autor e fóra do propio libro.
Quería que fose unha constelación de significado comunal e logrou construír un libro tan fermoso como misterioso.

Jesús Castro Yáñez quería un libro cos mínimos vínculos persoais, un libro asociativo que estivese fóra do autor e fóra do propio libro, pero dentro do mundo. Deste xeito, Outroutro constrúese cunha mirada que se desliza sobre feitos cotiáns como se fosen constelacións de significado comunal. Os feitos máis sinxelos, o silencio, a acción inmóbil ou a modestia dos instantes íntimos úsanse na poesía de Castro Yáñez para crear unha poderosa conciencia poética, máis fascinante a medida que imos descubrindo a marabillosa estrutura especular do libro.


Jesús Castro Yáñez (Baltar, A Pastoriza; 1992) gañou no ano 2015 o Premio de poesía Pérez Parallé con Os nomes e os himnos (Espiral Maior, 2016), libro que posteriormente ampliou como proxecto transmedia en  https://www.instagram.com/catroxardinsardendo/ e na performance Ningún quería ser nube, para falar de homofobia interiorizada e delitos de odio contra a comunidade queer. No 2017 publicou Ultramarino (Chan da Pólvora Editora, 2017), que inaugurou a colección Areal de Melide do selo, e que mestura poesía e imaxe usando a técnica da cianotipia. No 2021 encargouse de coordinar e traducir Campo de plumas (Sushi Books), unha antoloxía de poemas LGBT+ ao longo da historia. Como tradutor, tamén verteu ao galego dous libros de Anne Carson: A antropoloxía da auga (Chan da Pólvora, 2023) e Autobiografía do vermello (Noudelo e
Ribón, 2025). No eido da literatura infantil, escribiu Federico (Triqueta Verde, 2023), un conto que entre a prosa e o verso propón unha biografía ficcionada de Federico García Lorca.