Parangolé [Pablo Fidalgo]

18,00

Descripción

 05-07-2019
 9788494993107
 Chan da pólvora, número 9


Parangolé é un libro callado de interrogantes, elementos cos que Pablo Fidalgo constrúe un discurso de introspección pero tamén de indagación na historia familiar, unha característica que xa se daba na súa obra previa. A lectura dos poemas non pode resultar máis prodixiosa, non só pola habelencia do autor para espir o verso e deixarnos unha dramaturxia poética totalmente espida, senón tamen polo impacto das imaxes e os ámbitos de emoción paradóxica que abre nos seus poemas.
O título de Parangolé parte dunha palabra protuguesa que define as conversas desordenadas pero tamén da denominación que elixe o artista brasileiro Hélio Oiticica nos seus traballos de “desintelectualización”. Para Pablo Fidalgo, porén, Parangolé é unha viaxe á procura dun territorio onde aínda é posible viaxar e, ao mesmo tempo, a crónica poética do proceso de contrución dunha identidade complexa, vertente á que non é alleo o feito de que o seu autor utilice por vez primeira o galego na escrita. Ao seu ver, este reencontro co idioma do territorio natal só puido producirse cando non tivo que vivir nese territorio e logrou superar a circunstancia de que a casa familiar non dea respostas, sobre todo porque esa casa perdeu o seu significado.
O que Fidalgo nos ven dicir é que non hai un único relato senón múltiples partes. O caos, neste contexto, é, ao seu xuízo, unha forma de vida. Con Parangolé entramos, en certo sentido, nun lugar sen definir, nunha poesía tan aberta que coloca as lectoras e os lectores ao bordo do abismo.


Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984) é unha das figuras máis desconcertante da creación galega actual. Poeta, dramaturgo, actor, performer, teórico ou director do festival Escenas do cambio, en Santiago de Compostela, Fidalgo converteuse nunha figura referencial da
poesía en castelán con La educación física (2010), La retirada (2012) ou El tiempo de las tragedias absurdas (2012), aos que seguiu Mis padres: Romeo y Julieta (2013), libros onde o espiñento labirinto das relacións familiares deixaban a carne das emocións ao descuberto. Autor de pezas dramáticas como O estado salvaxe. Espanha 1939 (2013) ou de Anarquismos (2018), tamén dirixiu numerosos espectáculos, boa parte deles en Portugal, onde reside habitualmente.
Foi artista residente en diferentes centros de creación como o Centro CIA (Buenos Aires), o Centro Cultural Vilaflor (Guimarães), SOMA (México DF), o Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela), a Aula de Danza de la UAH-La Casa Encendida (Madrid), Cal Estruch (Sabadell), Centro Párraga (Murcia), Azala (Álava) ou L’animal a la esquena (Girona). Estrenou pezas en colaboración cos artistas Miguel Bonneville (¿Qué hacen a estas horas los coroneles?, 2014), Fon Román (Persona non grata, 2014), Uxía P. Vaello (Quiñones/Vaello, 2014) e Estefanía García (La democracia, 2009).
Para o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo coordinou os ciclos Resistencias (2011) e Material memoria (2013-2014). Comisariou o ciclo El grado cero del teatro. Reescribir la historia desde la escena (Alhóndinga Bilbao, 2014). En Galivia, dirixe Escenas do cambio. Festival de Inverno de teatro, danza e arte en acción (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela), desde a súa primeira edición en 2015.