Descripción
Éxito ou fracaso. Meritocracia. Conceptos como estes cruzan Pobreza de espírito de Emma Couceiro nunha transversalidade reveladora e implacable, que a poeta utiliza para tracexar unha especie de glosario, nun vocabulario técnico ou especializado na disciplina de “ser unha persoa de proveito”. O libro, traballado durante os últimos anos nun proceso “lento e envelenado”, rompe o silencio dunha das poetas máis admiradas da literatura galega. A poesía, nun momento determinado, chegou a facela sentir verdadeiramente baleira, coma se se lle roubase algo. En parte porque elixiu cuestionarse a si mesma constantemente, e en parte por todo o que non ten que ver con ela e, porén, a acompaña. Pobreza de espírito traballa, precisamente, esa relación tóxica.
Emma Couceiro (Cospeito, 1977), en 1996 gaña o V Premio Espiral Maior co seu primeiro libro Humidosas (1997) e convértese nunha figura clave no panorama finisecular da poesía galega. Logo, virán As entrañas horas (1998), que lle vale o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e xa no 2003, Cito. A súa obra está recollida nas antoloxías Mulher a facer vento (Lisboa, 1998), Río de son e vento (1999), dEfecto 2000 (1999), A tribo das baleas (2001), 25 Anos de poesía galega 1975-2000 III (2002), Mujeres de carne y verso (Madrid, 2002), Galeusca. Antoloxía poética (1990-2003) (Iruña, 2004), Das sonorosas cordas (15 poetas desde Galicia) (Madrid, 2005), Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea (Caracas, 2011) ou Alquimia de la tierra. Antología heterogénea de poesía, prosa poética y microrrelato (Huelva, 2013), así como nos libros colectivos Novas voces da poesía galega. Recital (2000), O trazo aberto. Poesías e debuxos (2002), O libro dos abanos (2002), Palabra de autor, Palabra de autora (2005), Os gozos e as sombras (2005), Poética da casa (2006), Donas do segredo (2011) ou XXV Aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 1988-2012 (2012), entre outros. Os seus versos foron adaptados musicalmente nos álbums Alfaias (2009) de Fanny Alexander e Aprendendo a Ladrar (2015) de Xardín desordenado.